Laura Mintegi: ''Non faremos politiquería nin ruído, faremos política sólida''

A candidata a lehendakari de EH Bildu nos comicios vascos pon rumbo xa ao Parlamento. "Mais ollo! Penso estar tamén na rúa, non me vou quedar pechada alí", matiza. É o seu aniversario e non deixa de recibir felicitacións de antigas amizades e das novas que vai facendo nesta travesía. Empezamos valorando este 21-O e acabamos mirando lonxe, ao final da lexislatura, en 2016.
photo_camera Laura Mintegi


277.000 votos, 21 parlamentarios e, con todo, é probábel que lle tocase consolar a alguén estes días. Que lle di?
Que tivemos uns resultados excelentes, que nunca houbo semellante presenza de soberanistas e de esquerdas no Parlamento Vasco, que isto nos dá unhas ferramentas inmellorábeis para facer política durante catro anos... O que pasa é que diciamos que non había que facer caso das enquisas, mais tamén había que facelo, non só dicilo. Xa quixesen moitos para si esta suposta 'derrota' e estes malos resultados. Xa os quixesen o PSOE e o PP.

"A abstención é un síntoma do abismo que hai entre os dirixentes políticos e a poboación. Colócoo mesmo como un obxectivo persoal: explicar a política ás persoas de maneira que sintan que poden incidir"

Que se pode facer con 21 parlamentarios nunha cámara con esa repartición de forzas?
Pódese facer política. É máis, imos actuar coma se estivésemos a gobernar, porque o noso obxectivo non é facer politiquería, non é instalarnos no non. Os obxectivos que fixamos en campaña son os que queremos conseguir tamén agora, así que imos buscar acordos con todas as forzas, estean no Parlamento ou non. E temos que crear instrumentos novos que agora non existen, porque os nosos obxectivos non se poden levar a cabo coas ferramentas actuais.

Fannos falta maiores cotas de soberanía, instrumentos para consultar á cidadanía dunha maneira sistemática... A miña valoración é que se nalgunhas poboacións de Gipuzkoa non houbo tan bos resultados é porque se tentaron aplicar unhas políticas novas cuns instrumentos políticos caducos, obsoletos, e aí produciuse un desaxuste.

En que sentido?
Cando todos estamos afeitos ao 'ordeno e mando', tentar aplicar políticas que si requiren esa participación e implicación da cidadanía produce ese desaxuste. E non estou a criticar á poboación, nin moito menos, senón que nos falta unha cultura participativa que quizais a teñamos que facer antes de aplicar esas políticas innovadoras.

Falaron para as persoas, e sobre todo para as persoas que teñen problemas, propondo solucións. Pero a abstención apunta a que moitas delas non se sentiron suficientemente motivadas.
E non me estraña, dígoo así de claro. A abstención preocúpame moito porque é un síntoma do abismo que hai entre os dirixentes políticos e a poboación. Colócoo mesmo como un obxectivo persoal: explicar a política ás persoas de maneira que sintan que poden incidir.

Como se fai isto? Non só en base a discursos. Non se lle pode dicir á xente 'participa en política' e logo non darlle instrumentos para iso. Hai que crealos e facelo de maneira sectorial, xeográfica --por comarcas-- e xeral --referendos--. É imprescindible para chegar aos obxectivos que nos marcamos, non podemos arriscarnos a facer políticas que involucren a toda a poboación sobre o seu destino se previamente a cidadanía non está afeita a que a súa opinión conta e é vinculante.

"Estamos afeitos ao 'ordeno e mando'. Falta unha cultura participativa que quizais a teñamos que facer antes de aplicar esas políticas innovadoras"

Lidos en clave abertzale, os resultados son moi bos. Mais non o son para outras políticas e para outras formas de facer política, porque entre PNV, PSE e PP suman 53 de 75 escanos.
Preocúpame moito que a esquerda estatal quedou fóra do Parlamento, paréceme un síntoma xeral da debilidade das esquerdas en Europa. A política neoliberal necesita un freo, así que iso non me alegra en absoluto. Imos buscar puntos de encontro e darlles opción de que poidan facer política aínda que non estean no Parlamento. Hai que superar as miserias da política ao uso e pensar en clave de país buscando acordos amplos. Para as políticas de esquerda necesitamos complicidades.

Esta semana volveron a avogar por eses pactos con todos, o que constata que non era unha táctica electoralista como algúns dicían, senón unha aposta sostida. Mais, non é difícil de entender que se reivindique outro modelo e á vez se estenda a man para eses pactos?
Non. A procura de pactos é aceno de identidade da nosa nova política. Agora, se o que quere dicir é que resulta moi difícil que outras forzas pacten con EH Bildu cando reivindicamos outras políticas, entendo mellor a pregunta. E creo que se falamos de problemas reais, imos estar máis preto dos acordos do que pensamos. A miña experiencia persoal é que cando se fala en teoría as ideoloxías sepárannos, mais cando se fala de dar solucións aos problemas das persoas, temos que coincidir á forza. E van ter que apearse dalgunhas políticas que non achegan solucións.

A crise é o máis urxente. E o primeiro asalto tras as urnas era o Consello Vasco de Finanzas, de onde só saíu desacordo, reproches mutuos...
Tamén o Consello Vasco de Finanzas necesita unha reflexión en profundidade, hai que facer unha unificación de criterios e este é un bo momento porque estamos de acordo en que a crise nos leva a ter que buscar novas fontes de financiamento. As deputacións poden empezar a chegar a acordos sobre fiscalidade e o Parlamento pode ser un lugar para facer esa unificación de criterios. A liña que iniciou Gipuzkoa é moi válida, Bizkaia empezou a aplicar algunhas medidas de modo máis tímido, e Araba vai ter que facelo.

"Necesariamente imos ter que contar con máis soberanía para atallar a crise. Temos que negociar o concerto e superalo, e propor a independencia"

Cando Iñigo Urkullu expón dedicar dous anos á crise e falar logo do marco, é posíbel iso? Cabe afrontar a crise sen ter máis instrumentos?
Necesariamente imos ter que contar con máis soberanía para atallala. A experiencia dinos que o Concerto queda curto fronte aos recortes de Rajoy. Por unha banda temos que negociar a Cota para compensar todo iso que nos impoñen, e por outro superar o Concerto e propor a independencia.

E que opina deses dous anos? 2014 xa é ano de referencia polo referendo escocés e o centenario catalán. Se esperamos, pode marchar ese tren?
Non é fácil contestar a iso. Por unha banda temos moito traballo por diante para involucrar a unha parte importante da poboación na senda independentista, temos que contrarrestar moitos anos de bulos, mitos e inexactitudes. Mais, doutra banda, tamén penso que cando o tren se vai, hase ir, e iso pode atrasar o proceso quince anos, como vimos noutros paises. Son partidaria de que cando xorde a faísca hai que acender a mecha, mais sen facelo rápido, correndo e mal. Entón, non sei se dous anos son suficientes, mais si que dentro de catro anos temos que estar moito mellor. Non sei se seremos independentes ou non, mais si que estaremos moito mellor.

Os resultados si son moi bos para o carril da resolución ao conflito, porque PP e PSE perden moito peso. Mais o problema en realidade non está aquí, senón en Madrid. Como facer que se mova?
Neste tema a clase política vai por detrás da sociedade. A cidadanía está a facer a tarefa de reconciliación de maneira moi natural, ninguén vai á panadaría e piden o perdón antes de darlle unha barra de pan, senón que lle dan a barra e falan de que tal están os teus fillos. Mira ao futuro e non ao pasado. Que se pode facer? Aprender desa sociedade e achegar posturas de maneira natural. Moitas veces os políticos non son a solución, senón o problema. Eu só estou disposta a falar de maneira positiva, e en consecuencia só espero escoitar mensaxes positivas, as negativas vanme escorregar.

Que tipo de oposición farán? Van manter o ton baixo da campaña?
Eu non creo que fose ton baixo, todo o contrario. Mais non hai que confundilo con ruído, a xente está farta de balbordo. Non imos facer ruído, imos facer política, e unha política moi sólida, moi consciente e moi responsábel. Creo ademais que se pode traballar mellor sen ruído que con el.

Que conclúe das conversacións con outros líderes? Que pasa cando se van as cámaras e apagan os micrófonos?
Hai demasiado aparato na política. Cando sentas diante de alguén e preguntas como arranxamos isto, se nos esquecemos un pouco dos aparellos e imos ás políticas estaremos máis preto do que cremos. Os aparellos ás veces desvirtúan o que debe ser facer política. Cando os cidadáns desconfían dos políticos, o que están a dicir é que non lles gustan os aparellos, e a min tampouco. Quero atoparme con líderes que saiban tomar decisións e que poidan tomalas desvinculados dos seus propios aparellos.

"A cidadanía está a facer a reconciliación de maneira moi natural. Moitas veces os políticos non son a solución, senón o problema"

Entramos nun ciclo máis ou menos longo. Sendo realistas, como lle gustaría que estivese este país dentro de catro anos, ao final da lexislatura?
Teño dúas respostas. A primeira é que me gustaría que estea exactamente como a súa poboación o desexe. E agora engado que a min persoalmente gustaríame que fose un país independente baseado na xustiza social. Mais a primeira resposta é a máis válida: como a poboación o desexe. Oxalá sexa o mesmo que desexo eu.

Comentarios