Urkullu eleito lehendakari cos votos do PNV

Após o debate de investidura desenvolvido a pasada cuarta feira, o candidato do PNV, Íñigo Urkullu vén de ser eleito lehendakeri tan só co apoio da súa formación. Laura Mintegi, presentou a súa candidatura pola coalición EH Bildu mais só contou cos 22 escanos da forza abertzale. PSE, PP e UPyD abstivéronse.
Laura Mintegi
photo_camera Laura Mintegi (Naiz.info)

"Emocionado e agradecido", así se amosaba o candidato jeltzale após a segunda volta da votación que o converteu en lehendakari da CAV para os vindeiros catro anos. Ao igual que manifestara despois dos comicios do pasado 21-O, Urkullu asegurou que o traballo do novo goberno vasco se encamiñaría á "procura de acordos" entre as distintas formacións políticas á fin de "reforzar o auto-goberno en Euskadi", dixo, perante "os retos" que se abren nesta lexislatura. Apelando á etapa de "paz e liberdade" que iniciou Euskadi nos últimos anos, o líder jetzale fixo un chamamento ao "esforzo" colectivo para consolidar o camiño percorrido.

EH Bildu debulla as súas alternativas fronte a un PNV sen propostas
No discurso de investidura decorrido a pasada cuarta feira, Íñigo Urkullu eludiu facer referencia algunha ao seu programa de goberno e limitouse a expresar a vontade d@s jeltzales por procuraren acordos entre as distintas formacións que compoñen o Parlamento vasco. Neste sentido, o xa eleito lehendakari evitou posicionarse a respecto dalgunhas cuestións de actualidade que o seu goberno deberá afrontar a partir da sexta feira. A sentenza do Tribunal Constitucional a respecto do pagamento da extraordinaria de Nadal ou a reforma da lei de Educación que pretende aprobar o ministro español, José Ignacio Wert, non tiveron espazo no discurso pronunciado polo jetzale, que non quixo concretar ningunha proposta.

Porén, e ao contrario do acontecido en Galiza, no Parlamento escoitáronse dous discursos perante a concorrencia de dúas propostas de goberno. Laura Mintegui, debullou na sesión de investidura as alternativas defendidas pola formación abertzale de cara á vindeira lexislatura. Mintegi asegurou no plenario parlamentar que PNV, PSE e PP representan un modelo político e económico esgotado que derivou, dixo, na actual situación económica. No entanto, a candidata á Lehendakaritza non ficou aí e devanou as políticas alternativas defendidas pola súa formación cara a resolución do conflito político en Euskal Herria mais tamén para superar a actual realidade económica, pular pola igualdade real entre mulleres e homes ou na procura dun outro modelo institucional que promova a participación cidadá.

Elección en segunda volta
A existencia de dúas candidaturas á Lehendakaritza adiou a escolla até a segunda volta pois ningunha das dúas conseguiu obter maioría. A abstención de PSE, PP e UPyD obrigou unha segunda votación que converteu finalmente a Íñigo Urkullu en lehendakari tan só co apoio da súa formación política. Após catro anos de goberno socialista, @s jeltzales recuperan o goberno da CAV.

Fotos: Naiz.info 

Comentarios