Unha mensaxe de Otegi abre o congreso de constitución de Sortu

Unha mensaxe lida de quen foi proposto polas bases como secretario xeral, Arnaldo Otegi, marca o inicio do congreso constituínte de Sortu. Otegi avoga por construír unha maioría popular “que declarará o Estado Vasco e construirá un modelo social alternativo”.
Lectura da mensaxe de Otegi no congreso de Sortu
photo_camera Lectura da mensaxe de Otegi no congreso de Sortu


A mensaxe de Arnaldo Otegi protagonizou o inicio do congreso constitucional de Sortu que se está a desenvolver en Iruñea con presenza de 400 representantes das asembleas locais. O que estaba chamado polas bases da organización a ocupar o posto de secretario xeral -cargo que ficará vacante por estar el na cadea- destacou no comunicado lido por Karmele Aierbe que o xiro da esquerda abertzale non é só o abandono da loita armada. “A nova estratexia reclama un cambio de mentalidade”, sinalou Otegi. Destacou que o papel histórico do que teñen que ser consciente encamíñase a “construír a grande maioría popular que declarará o Estado Vasco e construirá un modelo social alternativo”. 

 “A nova estratexia reclama un cambio de mentalidade” sinalou Otegi

“Necesitamos menos autocompracencia e máis autocrítica e autoorganización, menos consignas e máis argumentos”, escribiu Otegi na nota que foi lida no inicio do congreso. “Hoxe Sortu é legal porque xeramos condicións abondo como para que o Estado considere que a súa posición ilegalizadora habíalle trazer aquí e agora máis custos do que beneficios” continuaba o escrito, lido no auditorio de Iruñea ao tempo que unha grande imaxe do líder abertzale se proxectaba no escenario. Avogou por poñer en primeiro plano as súas propias forzas diante dos estados, dos que só agarda “represión, boicote e imposición” 

A axenda da xornada continuará cun balanzo do proceso, a votación das ponencias e o referendo da dirección da organización.

Comentarios