mércores 27/01/21

Un Parlamento abertzale que deixa as mans libres a Urkullu

En chave nacional, os resultados deste domingo configuran o Parlamento máis abertzale, o que abre unha porta a liderar importantes cambios en Euskadi. No ámbito da gobernabilidade, a repartición saíulle redonda a Iñigo Urkullu para ter as mans libres. E no terreo interno, o presidente do EBB non conseguiu superar ningunha cifra da era Ibarretxe
Urkullu, após coñecer os resultados electorais
Urkullu, após coñecer os resultados electorais

Madrid pode xa ir botando contas: de cada tres parlamentares de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa, dúas son abertzales. Case a metade [email protected], abertamente independentistas. O resto leva a independencia no seu programa. En palabras do PP, "Sr. Rajoy, 'eles' gañaron por goleada". E o factor desequilibrante deste resultado é a histórica aparición de EH Bildu no Parlamento de Gasteiz con nada menos que 21 escanos. Máis dos previstos antes de que entrasen en xogo as enquisas, como se pode comprobar se se fai unha análise da composición das candidaturas da coalición. Porque o PNV, o gran triunfador da noite, mantén os seus votos por baixo dos resultados de hai catro anos.

En canto ao partido que ostentou --detentou, deberíase dicir con maior precisión-- o goberno de Lakua durante os últimos anos, levou unha costalada tremenda. O PSE perdeu practicamente unha terceira parte dos seus apoios de 2003. Probabelmente pagou o traizoar a súa palabra de non pactar co PP, o que o levou a gobernar cunha suma artificial, trucada polo apartheid, e en contra do sentir da maioría da cidadanía vasca. A intención de última hora de se presentar como o freo aos recortes de Rajoy non lle funcionou, porque quedaba na memoria o permeábel que foi aos recortes de Zapatero. O PP non leva gobernando no Estado español desde que empezou a crise. Foi o PSOE o primeiro que sacou a gadaña e quen cambiou a Constitución para que o rescate dos bancos sexa máis importante que a saúde, a educación e o benestar das persoas.

A estratexia do medo fracasa e EH Bildu dá a badalada
A estratexia do medo que, con escasa elegancia e menor sutileza, centrou a campaña do PP, non lle deu froitos. Perdeu votos e posicións con respecto a 2009, mais tamén, e moitísimos, se se atende aos 210.797 que sumou hai once meses nos comicios que levaron a Rajoy á Moncloa. O que non cambiou é que daquela foron a cuarta forza e agora tamén.

A entrada de EH Bildu con 21 escanos no Parlamento de Gasteiz é un feito que, visto con imparcialidade e frialdade --poñamos que estivesemos a analizar resultados noruegueses--, resulta extraordinario. Unha coalición formada por un partido que tiña catro escanos e outro que tiña un, aliados cunha forza que nunca se mediu nas urnas, e cunha formación que durante os últimos dez anos estivo ilegalizada, perseguida, os seus dirixentes encarcerados, as súas contas bloqueadas, as súas sedes pechadas... Obtén case a terceira parte de todos os escanos.

Porén hai máis. EH Bildu é unha forza cunha traxectoria ascendente en Araba e en Bizkaia, onde superou os históricos resultados obtidos por Amaiur hai once meses. En Gipuzkoa, precisamente alí onde goberna, afinará a súa estratexia. Mantén a confianza do 88% de quen votaron a Amaiur, mais o PNV písalle os talóns recuperando neste herrialde o voto que tivo nas anteriores autonómicas. Un estudo posterior determinará cales foron os corrementos de voto entre candidaturas, para que o voto independentista de esquerdas medre no herrialde con respecto a 2009, que o PNV se manteña, que o PSE caia polo precipicio e que o PP case iguale os seus anteriores números.

O equipo que lidera Laura Mintegi ten moito que dicir no próximo Parlamento de Gasteiz, onde nunca se viu un grupo tan amplo de independentistas de esquerda.

Vía libre para Urkullu
Tamén Iñigo Urkullu tiña onte motivos para estar contento, non só pola súa vitoria, senón porque a repartición de escanos lle deixa todo o campo de xogo aberto. Unha das cuestións que se dilucidaban nas eleccións deste 21-O era ver se as forzas teoricamente de esquerdas, as que están a defender, por exemplo, cambiar o modelo fiscal, conseguían sumar máis escanos que PNV e PP, o que obrigase @s jeltzales a tentar a roupa antes de optar por gobernar en solitario, porque podía atoparse cunha maioría social que obrigase a ir por onde non quixese. O suicidio das distintas faccións de Esquerda Unida, chámense como se chamen, e os números de EH Bildu e o PSE deixaron este polo en 37 escanos. Os mesmos que teñen PNV e PP. O outsider UPyD conta pouco en todo isto.

Con esta repartición de escanos, Iñigo Urkullu vai obter, en primeiro lugar, unha investidura sen problemas. Ninguén o pode impedir, nin no hipotético caso de que a tolemia se apoderase definitivamente das mentes do PSE e tratasen de reeditar o pacto co PP e engadir o voto de UPyD. Entre os tres, teñen os mesmos escanos que a formación gañadora.

Desta forma, con Ajuria Enea asegurada, Urkullu pode, sen dúbida, xogar á "xeometría variábel" canto á gobernabilidade, pactando os orzamentos e as leis cuns e con outros partidos, en función dos seus contidos e intencións.

2 de cada 3 parlamentares son abertzales
Mais coa mirada posta en Euskal Herria e o seu futuro, e a pesar das urxencias da crise, non pode deixar de ver esa histórica maioría abertzale, con case dúas de cada tres parlamentares. Agora haberá que ver que garda Iñigo Urkullu no caderno que ten escondido no seu domicilio e que di non ensinar a ninguén, e en que ten apuntados os nomes das persoas ás que lles vai ofrecer acompañalo no goberno.

Os membros do executivo de Patxi López que nos últimos días estiveron transmitindo que continuarían en cargos de goberno deberán repensar o seu futuro, porque non parece que o PNV teña ningunha necesidade de buscar apoio neles para formar unha coalición.

Quere isto dicir que o PSE, coa perda de practicamente a terceira parte dos seus votos, terá que reformular o seu futuro, do mesmo xeito que o fará Patxi López. Non parece probábel que o aínda lehendakari vaia quedar en Gasteiz a liderar o terceiro grupo parlamentar. López é o secretario de Relacións Políticas do PSOE, un posto creado no último congreso para o ter na Executiva Federal do partido.

Patxi con tx ou Pachi con ch
Obsérvese a diferenza de chamarse Patxi con tx ou Pachi con ch. Patxi López perdeu a terceira parte dos seus votos. Pachi Vázquez tamén pasou de ter o 30% dos votos nas eleccións galegas ao 20%. Pois ben, Pachi Vázquez puxo o seu cargo a disposición do partido, que é o que se fai cando se sofre un pau desta magnitude. Por contra, Patxi López non fixo nada diso, senón que, o que é peor, incomprensibelmente hai integrantes do PSOE que o postulan para as máis altas responsabilidades no partido, na convicción de que pode ser o salvador do naufraxio.

En todo caso, parece darse por seguro que o futuro de Patxi López estará en Madrid, o que obrigará ao PSE a redefinir a súa estrutura interna, probabelmente nun congreso extraordinario. Resulta evidente que gobernar en contra da vontade maioritaria da cidadanía vasca non lle sentou nada ben.

E ao seu socio de aventura tampouco lle ha ir moito mellor. É certo que a súa hemorraxia non é tan forte, mais ninguén debe esquecer que o partido que goberna no Estado español é a cuarta forza na CAV. De feito, os dous grandes partidos españois que se alternan en Madrid ocupan aquí a terceira e cuarta posición. É máis, sumando os dous, teñen menos escanos que o PNV en solitario.

Ao PP pesoulle moito a xestión da crise que está a facer Mariano Rajoy, mais tamén a súa incapacidade de conectar co sentir da cidadanía vasca. Non basta dicir "somos máis do 51%" da sociedade cando ao final quedas no 7,55% do censo. Despois de que ETA declarase hai un ano o fin da loita armada, o PP paralizouse e ancorou nas receitas da dereita máis extrema, o que non resulta nada rendíbel nesta terra.

Neste sentido, os medos que mostraba por UPyD resultaron infundados. O partido de Rosa Díez e Gorka Maneiro foi incapaz de rendibilizar os problemas que o PP puido ter cun sector das vítimas de ETA, nin sequera o descontento [email protected] [email protected] polos recortes. UPyD revalida o seu escano por Araba, mais faino con menos votos e menor porcentaxe que en 2009. Unha tendencia que se repite no conxunto da Comunidade.

O suicidio político de Ezker Batua
A Gorka Maneiro quedoulle a curiosidade numérica de ser o parlamentar que pode romper o empate que se dá entre as dereitas e as esquerdas. Con todo, o extravagante de moitas das súas posicións políticas fai que UPyD sexa case sempre irrelevante como fiel da balanza.

Entre tanto, Ezker Batua-Esquerda Unida escenificou a perfección o seu suicidio político. A escisión, o xogo sucio, a confusión de siglas e as decisións da Xunta Electoral levárona á súa desaparición dun Parlamento en que chegaron a ter seis escanos. Ezker Anitza poderá ter o pruído de ser a máis apoiada de ambas as partes. Mais, ao final, o resultado foi cero.

Entrementres unhas esquerdas xogaban ao cainismo dos '80, outras tiveron visión e repiten a badalada electoral.

comentarios