En Euskadi unha de cada dúas persoas votaría pola independencia nun referendo

Unha enquisa publicada en medios de Euskal Herria recolle que o 49% da cidadanía vasca votaría a prol da independencia de houber un referendo. O 48% das e dos cidadáns afirma sentírense vasc@s fronte un 7% que se declaran españois.
manifestación independentista
photo_camera Manifestación do Aberri Eguna

En caso de houber un referendo sobre a independencia o 49% da cidadanía vasca votaría que si a esta opción. Así se plasma nunha enquisa publicada en medios de Euskal Herria como Naiz ou Gara realizada pola empresa Aztiker. O 51%, non obstante, posicionaríanse contra a vía independentista. Porén, o número de persoas de Bizkaia, Araba e Gipuzkoa, os tres territorios onde se fixo a sondaxe, que afirman estar dispostos a dar o paso cara a independencia é dos máis altos rexistrados en Euskadi ao longo da serie histórica.

Á pregunta de se consideran que a independencia sería beneficiosa ou prexudicial para Euskal Herria, máis da metade dos consultados (56%) optan polo Non sabe / Non contesta. Un 18% considera que sería prexudicial e pola volta dun 10% entende que a independencia é beneficiosa.

No mesmo traballo, pregúntase a respeito do seu sentimento nacional. Un 48% optan por definírense como vasc@s (28% deles, só vasc@s) fronte un 7,4% que optan por declarárense españois. Un 37% din seren tan vascos como españois.

Tamén se consulta ás e  aos enquisados sobre a súa percepción dos partidos a respeito da escala independentista, sendo o 10 o máis independentista e 0 o menos. Os resultados sitúan a EH Bildu nun 8,2, mentres ao PNV outórganlle un 5,7.

Soberanismo, sobre a mesa

Os resultados da sondaxe veñen confirmar que o soberanismo é un debate vivo e que ten percorrido, non só na campaña electoral, senón alén dela. Fronte á mensaxe de PSOE e PP de que non toca falar desta cuestión nun contexto de forte crise económica, desde Eh Bildu apúntase que o soberanismo é a chave para combater a crise a través de políticas propias e autocentradas baseadas nas maiorías sociais. O PNV comezou a campaña rexeitando a vía independentista pola boca do seu candidato a Lehendakari, Iñigo Urkullu, mais outros cargos (nomeadamente Joseba Egibar) fanlle as beiras ao independentismo.

Comentarios