XUÍZO POLÍTICO

Trece vasc@s enfrontan 109 anos de cárcere por iren ás eleccións

A Audiencia Nacional española desenvolve un novo macroxuízo político contra persoas acusadas de ''integración e colaboración'' con ETA por poren en marcha as candidaturas de D3M e Askatasuna

Un novo xuízo político sentará no banco d@s acusad@s 13 cidadáns e cidadás vascas que desde esta quinta feira se enfrontan a penas de entre 9 e 7 anos de cárcere, acusad@s de "integración e colaboración" con ETA, por poren en marcha as candidaturas Demokrazia 3 Milloi (D3M) e Askatasuna, que pretendían recoller o voto de esquerdas e abertzale nas eleccións ao Parlamento de Gasteiz celebradas o 1 de marzo de 2009.

Algunhas destas persoas foron arrestadas o 23 de xaneiro, recuperando a liberdade tras os comicios. Ao resto citoun@s posteriormente a Audiencia Nacional española. Mais sobre todo esta operación policial serviu de base para a sentenza emitida polo Supremo o 9 de febreiro pola que ilegalizaron ambas as dúas plataformas electorais e que foi ratificada posteriormente polo Constitucional.

Con isto, por primeira vez nos últimos 30 anos a Cámara de Gasteiz non tivo unha representación de esquerdas e abertzale. Unha anomalía produto da política de ilegalizacións que terá a súa continuidade co xuízo que levará a cabo, segundo as previsións, os días 3, 4, 7, 8, 9, 17 e 18 de maio.

Informes 'ad hoc'
A xuízo da defensa, exercida por Jone Goirizelaia e Kepa Landa, o proceso é consecuencia da decisión do Estado español de vetar a esquerda abertzale "e impedir que teña representación institucional". Como é habitual nestes casos, a Policía española e a Garda Civil elaboraron uns informes ad hoc con que vinculan D3M e Askatasuna a Batasuna e que se presentan como se foren análises periciais. Uns documentos en que logo se apoiarían o Supremo e o Constitucional para vetaren as listaxes. "A única razón pola que estas persoas van ser xulgadas é pola súa intención de se presentaren a unhas eleccións", subliña Goirizelaia.

O contexto político virou radicalmente desde aquela macrorredada de 2009. A ilegalización segue vixente, xa que Sortu está á espera da resolución do Tribunal Constitucional. Con todo, o Parlamento de Gasteiz é agora o único oasis de veto político onde a esquerda abertzale non ten representación, despois do éxito electoral das coalicións Bildu e Amaiur. A pesar diso, o proceso contra estas 13 cidadás e cidadáns vasc@s segue en pé.

Na relación de probas facilitadas polos axentes atópase unha abundante listaxe de manifestos e textos sobre cuestións como Educación, TAV, accidentes laborais ou o éuscaro. Ademais, cítase como evidencia a participación en reunións ou roldas de prensa. Probas de que, en efecto, os e as acusadas son persoas activas na vida pública e política de Euskal Herria. Dito doutra maneira: "A actuación dos acusados non foi controlada, nin auspiciada, nin ideada, nin finanzada por ETA nin por ningún outro partido ou organización que fose declarada ilegal polos tribunais".

Nota: esta información foi elaborada a partir do publicado no diario Gara

Comentarios