Sortu inicia o seu proceso constituínte cun acto en Donostia

A formación da esquerda abertzale presentouse publicamente no Museo Eureka de Donostia esta fin de semana. No acto @s sortziles aseguraron que os retos con que nace a organización son a 'liberdade nacional' do pobo vasco e a aposta por unha 'esquerda transformadora' partisana coa clase traballadora e coas persoas máis desfavorecidas.

"Sortu será a nova expresión política que abranga todas as mulleres e homes independentistas de esquerda de Euskal Herria", así o aseguraba na súa presentación pública, Maribi Ugarteburu.

A organización abertzale, deu a coñecer esta fin de semana en Donostia o calendario do seu proceso constituinte en que Sortu recolla o herdo do Movemento de liberación nacional e os principios que compoñen a resolución Zutik Euskal Herria no marco "dun novo tempo" para avanzar, din, "cara a unha revolución democrática".

Barrena: "As elites políticas convertéronse en diques de contención para anularen a mobilización social e neutralizaren as alternativas que nos leven a un verdadeiro cambio político e social"

Pernando Barrena, acompañou a Ugarteburu na presentación d@s sortzailes e asegurou que a tarefa prioritaria que marcará o traballo que cómpre desenvolver pola organización é "construír un escenario democrático" en que sexa recoñecido "o noso pobo como suxeito político e o seu dereito a decidir". Asemade, Barrena fixo fincapé en que os obxectivos da formación abertzale van alén do simple cambio, nun momento como o actual, dixo, onde cada vez fica máis claro "que as chamadas democracias non son senón ditaduras poíticas e económicas camufladas". Aliás, criticou con dureza o "capitalismo neoliberal" que "está a roubar a democracia dos pobos e da cidadanía". 

Ao acto asistiron ducias de persoas, entre as que se atopaban facianas coñecidas da esquerda abertzale como Rufi Etxeberia, Joseba Álvarez, Joseba Permach, Txelui Moreno ou o diputado de Amaiur no Congreso español, Xabier Mikel Errekondo. 

Para combater a realidade actual, Sortu nace, aseguran, "como alternativa con vocación de motor para un cambio político e en profundidade", subliñou Pernando Barrena quen apelou á vontade d@s sortziles de pular pola "acumulación de forzas" a prol dunha maior consolidación da alianza poítica constituída arredor de EH Bildu, poré, tamén así coas organizacións sindicais e os colecitivos sociais vascos. 

O proceso asamblear cara á construción dunha organización sólida
Malia que as asembleas se iniciaron xa en primavera, dando lugar a unha primeira ponencia en que recollen os principais trazos das súas bases ideolóxicas, estrutura organizativa e obxectivos a curto, medio e longo prazo; Sortu desenvolverá a partir da segunda metade de novembro un proceso asemblear que remate coa celebración dun congreso --fixado para o 23 de febreiro de 2013--. Neste sentido, Sortu asegurou e subliñou que o seu proceso constitutivo terá un carácter nacional e abranguerá todos os territorios que compoñen Euskal Herria, incluída Ipar Euskal Herria --baixo administración francesa-- onde xa se está a distribuír o material das ponencias.

Maribi Ugartuburu: "Sortu recolle o herdo do Movemento de liberación nacional e social no seo dos acordos de Zutil Euskal Herria"

O primeiro debate, terá lugar entre o 17 e 24 de novembro e xirará arredor da bases ideolóxicas da formación abertzale. @s Sortziles procuran asembleas participativas en que toda a formación achegue as súas opinións á fin de definiren conceptos como independencia, socialismo, ecoloxismo ou feminismo... até definiren o perfil político-ideolóxico dunha organización que din, "é a nova expresión política da histórica Unidade Popular de independentistas e socialistas" en Euskal Herria.

Comentarios