Sortu cre que a oposición venezuelana tenta criar o ambiente que leve a un novo golpe de Estado

A esquerda abertzale emitiu un comunicado de apoio ao goberno de Maduro "nestes difíciles momentos".

Para Sortu, a orixe da actual crise política en Venezuela é a non aceptación por parte da oposición das dúas derrotas consecutivas sufridas perante as forzas bolivarianas, a primeira nas eleccións presidenciais de Abril de 2013 -gañounas Maduro perante Capriles por unha moi axustada marxe- e a segunda nas municipais do pasado mes de Decembro.

"A oposición non aceitou estas dúas derrotas e tenta desestabilizar o país e criar un ambiente que incite a un novo golpe de Estado contra o goberno eleito polo pobo nas urnas", considera o partido de esquerda abertzale, a forza con máis influencia e número de militantes dentro da coligación EH Bildu.

Sortu chama á oposición a que aceite a súa "derrota eleitoral" e a que responda de maneira positiva "ao chamado ao diálogo realizado polo presidente Maduro".

"A vontade do pobo venezuelano, expresada reiteradamente nas urnas e na rúa a prol de profundar na construción da República Bolivariana de Venezuela, debe ser respeitada", conclúe o comunicado de Sortu.

Comentarios