Sortu chama á militancia a un debate interno que durará cinco meses, focado en sumar forzas

O proceso de constitución en partido da marca da esquerda abertzale recentemente legalizada polo Constitucional español será inédito en Euskal Herria e terá un obxectivo claro: traballar a prol dun Estado ''independente, socialista e euskaldun en Europa'', erguido ''sobre os valores do feminismo''

Sen tregua algunha tras coñecer a decisión do Tribunal Constitucional español de legalizar Sortu, a marca ilegalizada no seu momento dentro da vaga de prohibicións que a xustiza española encetara contra as formacións indepentistas de Euskal Herria, a esquerda abertzale anunciou a folla de ruta dun proceso de fundación que será inédito e que virá precedido de até cinco meses de debate interno. O obxectivo: xuntar forzas.

Seguindo a información que publica este domingo o diario Gara, non existe na nación vasca precedente algún de construción dun partido político destas dimensións, capaz de contar con miles de afiliad@s e de movilizaren miles de votantes. Serán @s sortzailes --a militancia-- quen faga parte do debate interno que se quere espertar após da legalización --cabe recordar que na discusión que deu pé a 'Zutik Euskal Herria' en 2009-2010 participaran ao redor de 7mil persoas--, e garántese que Sortu non será, "un partido clásico nin convencional", ao procurar a confluencia de diferentes sectores cidadáns no seu seo e pola aposta por "unha nova cultura política baseada na colaboración".

O obxectivo é claro: "crear un Estado vasco independente, socialista e euskaldun en Europa, construído sobre os valores do feminismo", artellando para logralo as alianzas sociais, sindicais, políticas e institucionais. Co calendario riba da mesa, o debate constituínte fecharase a finais do mes de outubro, para celebrar en novembro o primeiro Congreso. Contemplouse tamén a posibilidade dun adianto electoral tanto en Euskal Herria como en Nafarroa e, diante desa prioridade, o Congreso ficaría adiado até finais de febreiro.

Comentarios