Podemos critica que se presente Otegi como “un pacifista”

O partido de Pablo Iglesias en Euskadi non acudirá á manifestación popular en Donostia pola liberdade do militante independentista .

Roberto Uriarte
photo_camera Roberto Uriarte, de Podemos-Euskadi

Podemos non estará na marcha que este sábado percorrerá Donostia -apoiada por organizacións políticas, sindicais, sociais- para pedir a liberdade de Arnaldo Otegi e os presos polo caso 'Bateragune'. O partido en Euskadi de Pablo Iglesias desmárcase da mobilización popular criticando que se queira presentar o militante abertzale como un “pacifista”.

O secretario xeral de Podemos-Euskadi, Roberto Uriarte, afirmou en relación a Otegi e os seus compañeiros presos que “non imos chegar ao extremo de considerar que sexan pacifistas. A sociedade non o sinte así”. Se ben recoñece que estes independentistas presos “non tiveron un xuízo con todas as garantías”,critica que a mobilización en Donostia sexa feita desde, insiste, unha “perspectiva moi unilateral”.

“Unha cousa é que se fixesen xuízos excesivos e que a excepcionalidade penal que se aplicou nos últimos anos haxa que acabar con ella, e outra cousa é poñernos no xogo de que determinadas persoas queiran pasar por grandes pacifistas, cando non hai moita verdade niso”.

As declaracións de Uriarte xeraron malestar mesmo nalgúns sectores de Podemos, que a través das redes sociais criticaron a decisión de se desvinvular dunha mobilización que demanda, a posta en liberdade de Otegi, unha demanda amplamente apoiada na sociedade vasca.

Comentarios