VII ASEMBLEA XERAL DO PARTIDO QUE GOBERNA EUSKADI

PNV di que o Estado é incapaz de aceitar as realidades "vasca e catalá" e en certa medida "tamén a galega"

A formación jetzale realiza a súa VII Asemblea Xeral coa vista posta nunha nova relación co Estado español, a través dun novo estatus para Euskal Herria baseado no recoñecemento da nación vasca, a bilateralidade e o dereito a decidir.

Asemblea Nacional do PNV
photo_camera Asemblea Nacional do PNV

Iruñea acolle a VII Asemblea Xeral do PNV na que se aprobou o texto político Batasuna eta Indarra –Unidade e forza, o mesmo nome da histórica asemblea de 1977- por 318 votos a favor, catro en contra e tres abstencións. Este relatorio, que marcará a folla de ruta da formación durante os próximos catro anos, insiste na necesidade dunha "segunda transición" para Euskal Herria, ao entender que o actual Estatuto está esgotado e que o Estado é incapaz de aceitar “as realidades nacionais vasca, catalá e tamén en certa medida a galega”.

O PNV quere un novo estatus para Euskal Herria baseado no recoñecemento da nación, na bilateralidade e no dereito a decidir

Con esta premisa, o PNV traballa por conquirir unha nova relación co Estado, a partir dun novo estatus político para Euskal Herria, baseado no recoñecemento da nación vasca, a bilateralidade e o dereito a decidir. Neste sentido, a formación jetzale desbota a proposta federal que formula o PSOE se se mantén a estrutura por comunidades autónomas. De aí que propoña un acordo entre iguais, pois Euskal Herria “non é unha simple comunidade autónoma e iso debe quedar claro nun futuro acordo”.

En paralelo, o documento aprobado pola Asemblea Xeral esixe “recoñecemento externo”, plasmado en xestos de calado como a presenza de Euskal Herria en foros internacionais como a Unesco ou a participación das seleccións nacionais vascas en todos os ámbitos deportivos.

Nesta liña, o documento que saíu este sábado da Asemblea Nacional aposta pola cooperación das formacións que defenden o dereito de autodeterminación de Euskal Herria. “Superado o tempo de violencia”, o PNV ve “imprescindíbel” que as forzas políticas nacionalistas compartan estratexia e acorden “un chan ético-democrático”, uns obxectivos “mínimos” e uns “ritmos” do proceso. A reparación e recoñecemento ás vítimas e unha política penitenciaria orientada á convivencia e á reinserción son outras das medidas recollidas na folla de ruta que marcará o camiño do PNV até 2020.

Comunicacións aprobadas

Amais de estabelecer as orientacións relativas ao recoñecemento de Euskal Herria como nación, o PNV aprobou unha serie de comunicacións que pasan por afondar na igualdade de homes e mulleres e conseguir un final digno da vida, un sistema propio da Seguridade Social e das pensións ou a reindustrialización do país.

O PNV elixirá como presidente Andoni Ortuzar

Na xornada deste domingo, a Asemblea Xeral, que ten lugar en Iruñea para conmemorar o 40º aniversario do primeiro conclave do partido após saír da clandestinidade, elixirá Andoni Ortuzar como presidente do PNV.

Comentarios