O PNV abre as portas a un escenario de acordos con Bildu “para construír nación”

Urkullu considera que son posíbeis “entendementos” coa esquerda abertzale e descartou un goberno en Euskadi co PSOE, así como dixo non sentir ningún “medo” por Podemos. O Goberno vasco proponlle un "desarme rápido" a ETA, que segue inutilizando as súas armas, segundo mediadores internacionais. 

Delegacións do PNV e EH Bildu
photo_camera Delegacións do PNV e EH Bildu

O lehendakari, Iñigo Urkullu, sinalou que aspira a que poida darse pola parte do PNV un escenario de "entendementos coa esquerda abertzale para a construción dunha comunidade, unha nación ou un pobo", pero "partindo de que primeiro hai que construír unha sociedade". Así mesmo, o presidente de Euskadi subliñou que non está na hipótese dun goberno de coalición co PSOE.

Nunha entrevista concedida ao diario El Correo, o dirixente vasco valora que en Euskadi non hai unha corrupción "institucionalizada nin xeneralizada" e remarca que "a sociedade vasca ten unha cultura modélica e uns valores de rigor, esforzo, sacrificio e de intentar facer as cousas ben". Así mesmo, Urkullu recoñece que prefire na Moncloa a un partido "que non teña maioría absoluta" e manifesta non ter ningún medo a Podemos.

Após defender que é máis fácil chegar a acordos con quen entende un modelo de sociedade determinado e "un grado de responsabilidade institucional" que con quen teñen un criterio "absolutamente dispar sobre o modelo político, económico e institucional", así, Urkullu afirmou que aspira a que poida haber "entendementos coa esquerda abertzale [na actualidade representada pola coalición Bildu] para a construción dunha comunidade, unha nación ou un pobo". "Pero partindo de que primeiro hai que construír sociedade, sentar as bases dunha sociedade que é moi plural, moi heteroxénea. Hai que fixar prioridades e nesas prioridades a esquerda abertzale ten aínda moitas tarefas por facer", considera, á vez que dixo ver lonxe a opción dun acordo de goberno co PSE-PSOE. 

Por outra parte, o Goberno vasco propóñelle a ETA "un desarme rápido" unha vez que verifidadores internacionais afirmasen que a banda armada segue inutilizando o seu arseal. 

Comentarios