Non comezara a manifestación, cuxa saída estaba fixada para as seis da tarde, e Autonomía e rúas e prazas adxacentes estaban colapsadas. Ducias de milleiros de persoas procedentes das sete provincias de Euskal Herria ateigaban Bilbo para tomar parte na mobilización, convocada por 50 entidades e organizacións, en defensa dos dereitos das e dos presos vascos e en apoio e solidariedade para con Herrira.
Entre @s manifestantes, e recibindo constantes mostras de cariño, os 18 membros de Herrira detidos a principios desta semana nun operativo ordenado pola Audiencia Nacional. Na cabeceira, a faixa: “Pinga a pinga, polos dereitos d@s pres@s vasc@s'. Portada por escritores, deportistas, cineastas e músicos (entre eles, El Drogas, de Barricada).
“A favor de tod@s, contra ninguén”
'Elkartasuna ez da delitua' (a solidariedade non é delito) foi unha das palabras de orde dunha mobilización que estaba apoiada pola práctica totalidade dos sindicatos, desde os abertzales ELA e LAB até as anarquistas CNT e CGT, e mesmo por CCOO. Do escenario político, a esquerda abertzale en toda a súa heteroxeneidade (Sortu, EA, Aralar, Alternatiba..) e mesmo a non abertzale (EB, Berdeak...). Non secundaron a convocatoria o PNV (aínda que si había militantes e cargos jeltzales na marcha) e os 3 principais partidos españois (PP, PSOE e IU).
"Madrid ten que asumir que non vale a dinámica que levou até agora: deter, reprimir, criminalizar..."
O parlamentar de EH Bildu Julen Arzuaga afirmou que a manife era “a favor de todos e contra ninguén”. Unha frase que foi feita súa por moitos dos convocantes. “Este pobo móvese, e o Estado español mantense na dinámica de antes, criminalizar, deter, reprimir...non se decata que todo cambiou”, indicaban desde Herrira. “Máis unha vez, Euskal Herria está aquí polos dereitos dos presos, porque é estar polos dereitos de todos”.
"España quer botar o ferrollo á solidariedade"
Na manifestación tamén se lembrou que a Audiencia Naciobnal mantén a intención de prohibir durante dous anos as actividades de Herrira, "que é o principal axente mobilizador da sociedade bascae cuxa influencia e capacidade chega alén da cidadanía abertzale".