Ortuzar: “A España de 1978 está en crise total, hai que cambiar o modelo de Estado”

O presidente do PNV visitou Compostela para apoiar a Compromiso por Galicia, forza coa que forma coalición para as Europeas. O dirixente nacionalista amosouse preocupado polo rumbo da UE e demandou un novo status para Euskadi, “no que a última palabra non a teña sempre o goberno central”.

ortuzar
photo_camera Ortuzar

Andoni Ortuzar é o presidente do PNV e desprazouse até Santiago esta fin de semana para participar nun acto xunto a membros de Compromiso por Galicia, a forza que acode coaligada co Partido Nacionalista Vasco ás eleccións europeas, xunto tamén a CiU e Coalición Canaria. Durante un encontro no Hostal dos Reis Católicos, o candidato de Compromiso, Paulo Carlos López, apostou por unha “Europa máis social, onde se blinden os servizos, tanto educación como sanidade pública; e moito máis democrática, onde teña máis peso o Parlamento Europeo en lugar dos órganos que representan os Estados”. Pola súa parte, Ortuzar atendeu a Sermos Galiza.

 

-As Europeas apuntan a máximos de abstención; as enquisas en Francia ou o Reino Unido abren a porta á vitoria da ultra-dereita; hai candidaturas de todo tipo... unha forza que se di centrada como a súa, sente incomodidade ante esta convocatoria electoral?

-Máis que incómodos estamos preocupados. Vemos que o proxecto europeo está moi desvirtuado, perdeu o seu verdadeiro sentido e atravesa dúas crises, unha de identidade e outra económica na que tiveron moito peso as ampliacións da Unión Europea, que se fixeron só pensando en términos de mercado. E neste escenario, a cidadanía ve Europa como algo distante, ao que lle bota a culpa de todo, o que está a beneficiar a propostas xenófobas ou euroescépticas. No PNV somos europeístas, pero defendemos unha Europa máis forte, máis social, diferente a esta.

 

-A Europa fáltalle autocrítica?

-Nós somos moi críticos co modelo actual da UE. Europa está agora dirixida por unha burocracia aristocrática, que por exemplo foi incapaz de orquestrar unha resposta común á crise, onde nunca houbo posturas unitarias, cada un foi por libre. Pero tamén temos que pensar que non hai nada fóra de Europa, só moito frío. Europa ten que ser solución, que por algo é o espazo democrático máis importante do mundo.

 

-Nestas eleccións estrean aliado en Galiza, unha forza pequena e que comeza como Compromiso.

-Son un grupo de xente nova, pero sorprendéronme pola moita preparación política que teñen. Eu véxolle moito futuro a Compromiso por Galicia, teñen que ser pacientes e persistentes e seguro que lles irá ben, porque este pais necesita un nacionalismo así, moderno e que mira a Europa, agora que semella que o BNG volve a vellos clixés e se desgasta.

 

-Ao PNV deixáronlle tranquilo durante un tempo, pero desde o Aberri Eguna parece que volve ser obxectivo das críticas da dereita española, que non lles perdoa que falen dun novo status político para o seu país.

-Antes dicía que en Europa hai dúas crises, pois a elas noo Estado español hai que sumarlle outra máis que é a crise total da España de 1978, que non resolve o encaixe territorial, o que obriga a un cambio no modelo de Estado, o vixente está desfasado, en casos como o do Estatuto vasco tamén debido a que foi laminado e non deixaron que se desenvolvese ao cento por cento. E no PNV cremos que o cambio de modelo debe ir en dúas direccións no que ten que ver coas nacións como Euskadi, Cataluña ou Galiza. Un é que se lles recoñeza o dereito a decidir e outra é a bilateralidade, non pode ser que a última palabra a teña sempre o goberno central.

 

-E o proceso de paz avanza ou se estanca?

-Non ten volta atrás, pero si é certo que parece un pouco estancado. ETA e a esquerda abertzale deben dar máis pasos sobre o recoñecemento ás vítimas e ao dano causado pero tamén o Estado debería de mudar a súa política penitenciaria, hai 500 presos dispersados que poderían ser achegados ás súas familias sen saírse nin un milímetro da lei, pero o Goberno négase.

Comentarios