Muro popular en Gasteiz contra a condena de sete militantes de Segi

Miles de persoas participaron da ‘marcha laranxa’ para esixir a fin das “políticas de excepción” do Estado español. Tres dos condenados, en busca e captura, estiveron presentes na protesta “ocultos e protexidos” pola marea cidadá.

Marcha en apoio condenados Segi (Foto: @HaiizeaSoubies)
photo_camera (Foto: @HaiizeaSoubies)


Unha ‘marcha laranxa’ percorreu este domingo as rúas de Gasteiz contra os sete condenados na Audiencia Nacional pola súa pertenza á organización xuvenil Segi. Miles de persoas –entre 8.000 e 10.000 segundo o diario Naiz- berraron contra as “políticas de excepción” do Estado español.

Unha mostra multitudinaria de solidariedade entre a que se encontraban tres dos condenados, Aiala Zaldibar, Igarki Robles e Ibon Esteban, en busca e captura. Acudiron ocultos entre unha marea cidadá vestida con camisolas laranxas, perrucas e caretas para dificultar a súa identificación. Un gran dispositivo policial custodiou a protesta, apunta o xornal vasco.

No discurso final denunciaron que a sentenza que condena das e dos sete militantes abertzales está baseada en autoinculpacións obtidas mediante torturas. “Nós somos vós e facemos noso o voso suposto delito”, sinalaron os organizadores. Un acto de desobediencia civil pasiva e pacífica “para defender a tres cidadáns que son vítimas de leis inxustas”.

Condenados pola súa militancia

Un dos condenados, Igarki Robles, tomou a palabra “oculto e protexido” polo muro popular na praza da Virxe Branca de Gasteiz para agradecer o apoio. A súa nai pediu que non se permita ningunha outra condena. A Audiencia Nacional condenounos a seis anos de prisión, "exclusivamente pola súa militancia política nunha organización xuvenil", manifestaron.

Durante os últimos días sucedéronse as mostras de solidariedade coas militantes condenadas, que confluíron na ‘marcha laranxa’. Un día antes, dúas persoas descolgaron unha pancarta de apoio nunha igrexa de Gasteiz, mentres que nas redes sociais tivo unha intensa presenza coas etiquetas #resistgasteiz y #7aklibre.

 

Comentarios