Medio cento de sindicatos de 30 países mostran o seu apoio á Folga Xeral de Euskal Herria

País Vasco vive esta quinta feira a súa cuarta folga xeral nestes catro anos. Convocada pola maioría sindical vasca, vén de recibir o apoio de sindicatos dos cinco continentes, entre eles, os galegos CIG e CUT

Folga Euskal Herria

As mensaxes de apoio veñen de centrais sindicais dos cinco continentes, de 30 países diferentes. Un total de 43 sindicatos quixeron expresar o seu respaldo á Folga Xeral que esta quinta feira terá lugar en Euskal Herria convocada pola maioría sindical vasca e co apoio de máis de medio cento de colectivos e asociacións.

Tamén mostraron o seu compromiso con esta protesta do 30 de maio cinco organizacións sindicais internacionais, destacando a FSM, que representa a máis de 82 millóns de traballadores e traballadoras de todo o mundo. Tamén se suman a este apoio a Plataforma de sindicatos de nacións sen estado.

Entre as centrais que quixeron transmitir o respaldo a este paro de 24 horas están as galegas CIG e CUT

Máis de 600 comités de empresa

A xornada de protesta e mobilización convocada pola maioría sindical vasca (ELA, LAB, ESK, STEE-EILAS, Hiru, CGT e CNT), para alén dun cento de colectivos, asociacións e agrupacións agrupadas na plataforma Gune.

Segundo informa Naiz, nunha primeira recollida, máis de 600 comités de empresa de Euskal Herria xa anunciaron que ían secundar a folga xeral. “E o número segue a aumentar día a día”.

Para as organizacións convocantes, estas adhesións, así como que a listaxe vaia en aumento, mostran ás claras que “a clase traballadora ten claro que hai que responder ás imposicións e ás reformas”.

Sindicatos e agrupacións cidadáns, ambientais, culturais, de desenvolvemento, desempregad@s... fan un chamamento á sociedade vasca a saír este 30 de maio á rúa “para afirmar con rotundidade que non aceptamos os recortes en Euskal Herria, que existen alternativas e que loitamos por un modelo propio”. Sinalan que están a realizar desde hai tempo xuntanzas e asembleas “comarca por comarca e sectorpor sector” para informar e para animar a tomar parte nunha mobilización que ten que ser, afirman, “un clamor xeral” contra as “políticas que nos impoñen”



 

Comentarios