Máis de 600 comités de empresa de Euskal Herria anuncian que secundarán a Folga Xeral

A maioría sindical vasca, convocante do paro da vindeira quinta feira en Euskal Herria, considera “evidente” a necesidade de responder “a imposicións e reformas”

Folga

Euskal Herria vivirá esta quinta feira, 30 de maio, a súa cuarta folga xeral nestes catro anos. Unha xornada de protesta e mobilización convocada pola maioría sindical vasca (ELA, LAB, ESK, STEE-EILAS, Hiru, CGT e CNT), para alén dun cento de colectivos, asociacións e agrupacións agrupadas na plataforma Gune.

Ainhoa Etxaide, secretaria xeral de LAB: "Este pobo ten que se levantar ante esta dictadura económica"

Segundo informa Naiz, nunha primeira recollida, máis de 600 comités de empresa de Euskal Herria xa anunciaron que ían secundar a folga xeral. “E o número segue a aumentar día a día”.

Para as organizacións convocantes, estas adhesións, así como que a listaxe vaia en aumento, mostran ás claras que “a clase traballadora ten claro que hai que responder ás imposicións e ás reformas”.

“Loitamos por un modelo propio para Euskal Herria”

Sindicatos e agrupacións cidadáns, ambientais, culturais, de desenvolvemento, desempregad@s... fan un chamamento á sociedade vasca a saír este 30 de maio á rúa “para afirmar con rotundidade que non aceptamos os recortes en Euskal Herria, que existen alternativas e que loitamos por un modelo propio”.

Txiki Muñoz, secretario xeral de ELA: "A clase política ten sido desprazada pola extrema dereita económica. Nós resistimos"

Sinalan que están a realizar desde hai tempo xuntanzas e asembleas “comarca por comarca e sectorpor sector” para informar e para animar a tomar parte nunha mobilización que ten que ser, afirman, “un clamor xeral” contra as “políticas que nos impoñen”

Comentarios