Máis de 500 pres@s solidarízanse con Josu Uribetxeberria

@s pres@s manteñen unha folga de fame indefinida a prol da liberdade condicional para Josu Uribetxeberria. Tanto o defensor do pobo coma o colectivo de medic@s exixen a súa posta en liberdade.
photo_camera Cartaz da manifestación organizada por Herrira

A decisión de máis de 500 pres@s de secundaren a folga de fame iniciada por Josu Uribetxeberria, responde á negativa do goberno español de aplicar o código penal aos catorce casos de pres@s que se atopan gravemente enferm@s, incluído el mesmo.

Segundo as leis españolas, as persoas en réxime de privación de liberdade poderán ser postas en liberdade condicional cando se trate de enferm@s moi graves con padecementos incurábeis (artigo 92 do Código Penal).

Uribetxeberria padece cancro en fase de metástase, polo que foi trasladado desde a cadea de León --na que cumpría condena--, a Euskal Herria co obxectivo de recibir atención médica, mais debido ao carácter terminal da enfermidade, Uribetxeberria pide ser posto en liberdade de acordo co disposto polas leis españolas. Ante a oposición do goberno español, o preso vasco decidiu comezar unha folga de fame que lle permita, segundo el, "morrer con dignidade". Nunha entrevista concedida ao diario dixital Naiz, Uribetxeberria asegura que "levar a crueldade ao extremo non fai máis que empeorar as cousas". 

A decisión de Uribexeberria, que leva xa unha semana sen se alimentar, foi apoiada por moit@s pres@s vasc@s --aproximadamente 510-- afincad@s en cadeas españolas e/ou francesas; entre el@s Arnaldo Otegui. Dende Ararteko, o defensor do pobo vasco, o caso de Iosu cumpre todos os requirimentos para ser posto en liberdade condicional, asemade, pide que se "axilicen ao máximo os trámites" dada a gravidade da súa enfermidade e do tempo que leva en folga. Nunha declaración institucional, Ararteko reclama que se estude a situación doutr@s pres@s con casos semellantes ao de Uribetxeberria "en aras do estrito cumprimento das previsións legais" e de acordo cos principios básicos do Dereito como o de humanidade das penas e a reinserción. Así mesmo, o defensor do pobo subliñou que a decisión do goberno debe ter "moi en conta" o actual contexto político vasco caracterizado polo cesamento permanente da actividade armada anunciado por ETA.

Na actualidade, suman 14 @s pres@s vasc@s gravemente enferm@s --tres d@s cales están afectad@s de cancro--, polo que Jaiki Hadi --colectivo de profesionais da medicina que atenden @s pres@s vasc@s na cadea--, demandou ao goberno español, adoptar unha decisión coa maior celeridade na procura de evitar "situacións irreversíbeis" coma no caso de Josu Uribetxeberria.

O pasado sábado 11 de agosto miles de persoas percorreron as rúas de Donistia na defensa dos dereitos d@s pres@s convocadas pola plataforma Herrira. Na mobilización demandaron o achegamento a territorio vasco d@s pres@s que se atopan en cadeas españolas e francesas así como, que se elimine a doutrina Parot --de acordo coa sentenza do Tribunal de Estrasburgo--, da cal, o executivo español anunciou o seu incumprimento. 

O goberno español di estar agardando aos resultados das últimas probas médicas realizadas a Josu Uribetxeberria, mais segundo o presidente do goberno, Mariano Rajoy, é "absurdo" que @s pres@s fagan folga de fame en solidariedade con Iosu pois di, o executivo non cederá ante o que consideran unha "chantaxe" e unha "trampa".

Comentarios