Máis de 2.500 moz@s toman parte na creación da nova organización xuvenil da esquerda abertzale

O proceso Gazte Zukgua desenvolveuse en 180 vilas e barrios de Euskal Herria para sentar as bases da nova organización xuvenil de esquerdas e abertzale. O congreso de presentación será o 2 de marzo en Lizarra (Nafarroa)
Euskal herria

O tecido da esquerda abertzale segue a camiñar na recomposición das súas ferramentas políticas após os anos de ilegalización. Se nestes meses o foco centrouse principalmente en Sortu, a nova formación da esquerda abertzale que terá o seu congreso constituínte o 28 deste mes en Iruñea, non é esta a única organización do independentismo que está a agromar no novo escenario após o cese o fogo de ETA.

Así, tamén se está a desenvolver un proceso ao longo e ancho de Euskal Herria para dar nacemento a unha organización xuvenil abertzale e de esquerdas. O proceso denomínase Gazte Zukgua e no mesmo xa ten participado máis de 2.500 moz@s de 180 vilas e barrios vascos. O vindeiro 2 de marzo realizarase en Lizarra o congreso de presentación da nova formación, onde se dará a coñecer o seu nome e logotipo.

"Estado socialista para Euskal Herria"

Irati Sienra, unha das impulsoras deste proceso, afirmou que a finalidade de Gazte Zukgua era "reunir os mozos e mozas que desexan un estado socialista para Euskal Herria". Durante os debates en vilas e barrios, indicou Sienra "ficou claro que nesta situación de crise a única alternativa real é a independencia, o socialismo e o feminismo". Aliás, avogan por implicar á mocidade nas vías de solución tanto das causas como das consecuencias "do conflicto que vivimos: pres@s, refuxiad@s e fuxid@s, dereitos civís e políticos, memoria ou desmilitarización".

A nova organización xuvenil da esquerda abertzale que naza en Lizarra o 2 de marzo collerá o testemuno, aínda que nun escenario totalmente distinto, das súas prodecesoras: Jarrai, Haika e Segi, ilegalizadas.

E a celebrar o parto: Gazte Danbada

Gazte Danbada será o festival que celebre o nacimiento da nova organización xuvenil que se está a xestar mediante o proceso Zukgua. Un festival que terá lugar os días 29,30 e 31 de marzo, ademáis do 1 de abril. Haberá palestras de debate, obradoiros, coloquios, teatro, animación de rúa e concertos. A cita será en Urduña, unha pequena vila de Bizkaia de pouco máis de 4.000 habitantes.

Comentarios