Lokarri considera positivo o comunicado de ETA

A rede cidadá polo acordo, a consulta e a reconciliación en Euskal Herria cre que mantén o compromiso de desarme e critica ao goberno español por "non abrir portas ao diálogo"
Paul Ríos, voceiro de Lokarri
photo_camera Paul Ríos, voceiro de Lokarri

Lokarri, a través do seu voceiro Paul Ríos, sinalou que despois deste comunicado "ETA mantén o seu compromiso" malia que para eles sería mellor unha maior contundencia nas afirmacións de "desarme, desmantelamento e reintegración". Segundo Ríos "todo apunta a que está disposta a avanzar" mais debería achegarse "máis ás vítimas" despois do dano causado.

Paul Rios foi moi crítico co Goberno español despois que este rexeitase o diálogo. "Preocúpanos que non deixen unha porta aberta ao diálogo para tratar o tema do desarme e o desmantelamento", asegurou a Sermos Galiza. Sobre o goberno vasco, Lokarri pensa que até que se disolva ETA ten que permitir que se avance no camiño do desarme".

O comunicado

ETA reapareceu onte con motivo do Gudari Eguna. Foi nun comunicado publicado en Gara no que afirman o seu "compromiso total" co proceso de paz que se leva a cabo en Euskal Herria. Ao principio do texto realizan unha análise da situación actual e reivindican que "diante da postura pechada e a violencia existen camiños razoábeis de solución e redobrando a presión popular para atraer a España e Francia á solución" asegurando que "os estados seguen a mostrar capacidade de prolongar o padecemento".

Para ETA a postura dos Estados español e francés teñen cada vez menos apoios tanto en Euskal Herria como no ámbito internacional e as voces para que ambos gobernos "dean pasos construtivos e deixen de lado as actitudes que alimentan o conflito".

No comunicado tamén se apunta que a esquerda abertzale "está no bo camiño" e con ambición de gañar "corrixindo error e superando carencias". Remata realizando un chamamento á organización de "todos os independentistas e revolucionarios" para "loitar por Euskal Herria".

Comentarios