En liberdade 1 dos 10 xornalistas de Egin presos no Estado español

En liberdade a sub-directora do Egin tras 6 anos de prisión. Nove persoas vinculadas a este diario seguen presas en cadeas españolas.

 

Teresa Toda
photo_camera TeresaToda

Teresa Toda foi detida o 1 de decembro de 2007, 18 días antes de que a Audiencia Nacional española que a xulgou (no macro-sumario 18/98 que apostaba polo 'Todo es ETA' contra o independentismo vasco) dese a coñecer a sentenza pola que lle impuñan 10 anos de prisión a esta xornalista, sub-directora do Egin, diario clausurado por orde da xustiza española. Seis anos despois da súa detención, Teresa Toda ficou en liberdade nesta cuarta feira, abandonando a prisión de Córdoba a primeira hora da mañá.

Malia posta en liberdade de Toda, seguen presas outras 9 persoas relacionadas co xornal Egin: Jabier Salutregi (director do xornal), Isidro Murga, Patxo Murga, Karlos Trenor, Xabier Alegria, Joxean Etxeberria, Pablo Gorostiaga, Jexux Mari Zalakain, Manu Intxauspe.

“Pensabades que non nos iamos atrever?”

Egin naceu en 1977 após un proceso popular no que perto de 25.000 persoas achegaron cartos. O 15 de xuño de 1988, o xuíz Baltasar Garzón ordenou pechar o xornal e a súa radio, así como deter a varios responsábeis da empresa editora de Egin, aos que aplicou a Lei anti-terrorista. Garzón afirmou que Egin estaba supeditada a ETA, polo que xornalistas en postos de dirección ou responsabilidade neste diariio foron acusados como se fosen dirixentes de ETA. Unha decisión aplaudida por PP (Aznar, presidente naquela altura preguntou aos xornalistas. “pensabades que non nos iamos atrever?”) e PSOE.

No momento do seu peche Egin tiña un cadro de persoal de máis de 200 persoas e as súas vendas sobordan os 52.000 exemplares diarios. Das cinzas de ·Egin, e tamén mediante apoio e cuestación popular, naceu o Gara.

Comentarios