mércores 27/01/21

Iñigo Urkullu, candidato do PNV: «Dous anos a fondo coa crise e logo falaremos do status»

Por vez primeira desde 1980, o PNV volve colocar ao seu máximo dirixente como candidato a lehendakari. Unha decisión maioritaria da dirección do partido –pero non unánime– que dá a imaxe precisa do grao de control que Iñigo Urkullu adquiriu sobre o PNV, despois da convulsa elección e mandato de Josu Jon Imaz. O candidato mamou o partido desde a súa infancia e fixo toda a carreira interna que se espera de quen chega ao cume. Con fama de home serio, acompálao o sambenito de «soso», que rompe no trato directo.[Vídeo da entrevista en Naiz.info]

No medio do remuíño da campaña, con actos de mañá e de tarde (un «corte» para os informativos do mediodía e outro para os da noite), gravacións para televisión e pasos polas emisoras de radio, Iñigo Urkullu sae dunha reunión do EBB (Euskadi Buru Batzar, dirección do PNV) para facer esta entrevista. Atende primeiro solícito as peticións da fotógrafa para que pose aquí e alá, e segue logo as indicacións da encargada do vídeo, sen perder en ningún momento o sorriso. Mantén en todo momento a prudencia sobre o futuro e di non atender ás enquisas.

No caso de que goberne, que fórmula empregará?

Se me cabe a responsabilidade do goberno, veremos cales son os resultados do día 21 e logo haberá que facer unha análise dos programas electorais. Pero veño dicindo desde hai moito tempo que nos próximos catro anos van ser necesarios grandes acordos ao redor de tres eixos: o da crise, que é o urxente; o da consolidación do proceso de pacificación e avance na normalidade e na convivencia; e o da redefinición do status de autogoberno para a CAPV.

O PNV sostén que máis autogoberno é maior benestar. O traballo pola soberanía é vivir ou filosofar?

O que é urxente, o que hoxe inqueda aos cidadáns e cidadás, é saír da crise.

«Primum vivere, deinde philosophare». Díxeno no mitin de Alderdi Eguna facendo referencia a unha máxima que utilizaba Xabier Arzalluz tamén cando era presidente do EBB. Creo que ambas cousas son compatíbeis, e non só vivir e non filosofar. Primeiro vivir e despois filosofar, que é compatíbel. O que é urxente, o que hoxe inqueda aos cidadáns e cidadás, é saír da crise.

A acción do seu goberno centrarase niso?

Non só. Creo que nestes catro anos vai haber dúas etapas. Unha primeira na que nos teñamos que empregar a fondo á recuperación económica. E haberá, espero, tras asentar esas bases, unha etapa para poder falar tamén dun status de goberno diferente.

Insiste Antonio Basagoiti en que é vostede un perigoso independentista

E eu estou orgulloso de ser un independentista do século XXI.

Qué é iso?

Pois un independentista que non é do século XIX. Hoxe en día non hai ninguén independente, ninguén.

Pero gustaríalle ser tan independente como Alemaña?

É que nin sequera Alemaña é independente.

Digo «tan independente como».

Claro que me gustaría e ese é o camiño, pero desde a concepción da realidade xurídico administrativa que nos afecta como pobo vasco, os diferentes ritmos que hai que seguir e, a partir de aí, intentando facer ver á cidadanía que o gañar mais status de autogoberno o temos que facer acompañados dunha maioría.

Cales son os alicerces do novo status que propón?

 Queremos que a Comunidade Autónoma do País Vasco defina unha relación bilateral co Estado español cun sistema de garantías recíproco

Que temos realidades xurídico-administrativas diferentes. Estamos traballando pola colectividade territorial en Iparralde, estamos traballando tamén na Comunidade Foral Navarra, pero a nosa vocación é, entendendo que temos que dar pasos graduais, que a Comunidade Autónoma do País Vasco defina unha relación bilateral co Estado español cun sistema de garantías recíproco. Buscamos unha institucionalización das relacións coa Comunidade Foral Navarra, que hoxe non existe e que existiu durante seis meses en 1996. E, mirando a Iparralde, ir construíndo o concepto de eurorexión dentro da UE.

O relatorio parlamentario que propón no programa buscaría a redacción dun novo estatuto?

Como se fixo no 2004 co chamado «Plan Ibarretxe». Propomos que haxa unha formulación que sexa debatida polos partidos até antes de que chegue ao Parlamento e que logo constituamos un relatorio, que haxa debate, e que se hai un acordo institucional no Parlamento o sometamos a referendo.

O estatuto do 2004 sería unha referenza?

Si, como o sería o «Plan Ardanza». Hai unha desfiguración do «Plan Ardanza» con relación ao «Plan Ibarretxe». Se algo buscaba o «Plan Ardanza» era máis a procura dun estado libre asociado que dunha reforma estatutaria. E aí está o dereito a decidir, que está aprobado nun proposición do ano 90. Ese camiño está percorrido.

Iso sería o que se sometería a referendo ou ten que pasar antes polas Cortes españolas?

O que me pregunto é que mal facemos en someter a consulta algo que aprobou o Parlamento, antes de ir a Madrid

É un debate interesante. Eu fíxome máis no que di a disposición adicional única do propio Estatuto de Gernika (a aceptación da autonomía non implica a renuncia do Pobo Vasco aos seus dereitos), e non só no que di a Constitución. E o que me pregunto é que mal facemos en someter a consulta algo que aprobou o Parlamento, antes de ir a Madrid.

En Madrid non son moi partidarios dos referendos...

É un traballo que haberá que facer. Temos a experiencia do portazo do 2005, coñecemos a decisión do TC sobre a consulta e todo iso temos que o ter en conta para saber que os pasos que teñamos que dar sexan pasos en firme.

Que tipo de relación aspira a ter co Goberno español se é elixido lehendakari?

A unha relación normal, coas discrepancias que nos correspondan polas diferentes formas que temos de ver a economía, a sociedade e a realidade xurídico-administrativa da CAPV e a CFN. Espero que haxa ocasión de traballar no proceso de pacificación, de normalización e convivencia, a pesar da maioría absoluta.

En política económica, pódese seguir a senda dos recortes do Goberno español?

Estamos absolutamente en contra das medidas de recorte que expón o Goberno do PP

En absoluto. Nós só aprobamos os Orzamentos Xerais do Estado en tempos de Rodríguez Zapatero como Presidente e só tras negociacións que sirvan para traer transferencias ou investimentos, pero non aprobamos ningunha das medidas económicas proposta nin polo PSOE nin agora polo PP. E estamos absolutamente en contra das medidas de recorte que expón o Goberno do PP.

Cal é a alternativa?

É necesaria a austeridade, pero non mirando só o déficit e a débeda pública, como di o Goberno do PP, senón a austeridade mirando a priorización do gasto e compatíbel con partidas de investimento. O que fai falta é reactivar a economía e non recortes que castigan ao poder adquisitivo para facer consumo. Iso afoga a economía. Se hai que facer recortes haberá que ver onde. Non somos partidarios dos recortes en políticas públicas sociais, de ningún xeito, por moito que alguén intente identificarnos co PP. Nada máis lonxe da realidade. E na priorización de gastos, temos que saber onde investir, que pensamos que é na política industrial, na política para as empresas.

[Imaxe: Marisol RAMIREZ / ARGAZKI PRESS]


comentarios