Herriak bakarrik salba dezake herria

ETA dá máis un paso e reafirma o seu compromiso coa paz en Euskal Herria, como vontade da expresión popular que desexa conquerir a paz e a liberdade para o pobo vasco.
photo_camera Manifestación en Bilbo a prol do proceso de paz e a independencia de Euskal Herria

Nun comunicado enviado aos diarios vascos Gara e Naiz, ETA reafirma o seu compromiso co fin da loita armada e di redobrar esforzos para abrir novos camiños ao diálogo coa constitución dunha delegación interna. No seu comunicado, ETA apostou polo mantemento do proceso de paz inda que mantivo unha análise e lectura do decorrer dos acontecementos nestes meses, moi crítica ante o que consideran “unha axenda dos estados contra a paz”.

A banda armada, denunciou a instrumentalización do proceso de paz por parte dun grupo de axentes, entre os que sinalan aos estados español e francés. Segundo ETA, ningún dos dous gobernos deu resposta positiva algunha ao cesamento da loita armada anunciado o pasado 20 de outubro. Así mesmo, a banda entende que as detencións producidas nestes últimos meses “están provocando situacións de alto risco”, ao seren empregados os intentos por reunir o material en condicións “seguras e estábeis” para desenvolver dispositivos policiais.

Despois de oito meses dende o anuncio do cesamento permanente da loita armada -de acordo coa primeira das resolucións aprobadas na Conferencia de Ariete, a banda salienta a vontade de Euskal Herria a prol dunha solución ao conflito vasco e lembra, a resposta ilusionante do país ante a apertura dun proceso de paz “como demostran as diferentes mobilizacións rexistradas”.

No seu comunicado, a banda debulla en cinco puntos as liñas a seguir a prol do mantemento do proceso iniciado, entre elas, “actuar con responsabilidade e de maneira construtiva”; ou a arenga ao PNV -á súa base social e militantes, a loitar conxuntamente polos intereses de Euskal Herria e a súa cidadanía. Así mesmo, fai énfase no papel protagonista que debe xogar a sociedade vasca á fin de “empurrar e dar corpo” ao proceso.

A vía Nanclares e o Programa Integral de Reinserción, os pequenos pasos do goberno español no proceso de paz

Entre as críticas da banda, sitúanse os programas achegados polo goberno español como parte da solución ao conflito e que, segundo ETA, pretenden “lexitimar a situación de excepción que padecen @s pres@s” servindo de obstáculo ao propio proceso nas cadeas.

A vía Nanclares foi ideada polo goberno español daquela en mans dos socialistas e propuña a reinserción d@s pres@s que se desvinculasen da loita armada e da banda, renunciasen á súa pertenza ao conlectivo de pres@s polític@ vasc@s (EPPK); aceptasen a política penitenciaria, pedisen desculpas ás vítimas e se comprometeran a pagar a responsabilidade civil das mesmas. Ante o seu fracaso, o goberno de Mariano Rajoy anunciou a implementación do denominado Plan Integral de Reinserción, que en liñas xerais mantén as mesmas prerrogativas que o anterior mais sen a obriga de pedir perdón.

Segundo a esquerda abertzale o plan do goberno español non é máis que unha “cortina de fume” que non dá un paso para alén da política penitenciaria que vén desenvolvendo, o estado español, dende os últimos vinte anos. Así mesmo, Aralar considera que a iniciativa non responde á “raíz da problemática e que, polo tanto, non será eficiente”.

A coalición Amaiur lembrou ao goberno español que @s pres@s políticos vasc@s “non están na cadea como consecuencia dun desarraigo social”, polo que non precisan medidas de reinserción senón “resolver o conflito político” que deveu na súa privación de liberdade.

O comunicado da banda, finaliza cunha arenga a continuaren até o final cos obxectivos marcados dende a Conferencia de Ariete e o cesamento do fogo, á fin de conseguir a paz e a liberdade en Euskal Herria.

Comentarios