A Garda Civil espía e investiga @s profesor@s de Nafarroa para saber se son abertzales

O Instituto Armado español elaborou un informe claisificado como 'reservado' alertando de que hai docentes vencellados á esquerda abertzale.”Empregan a educación para impoñer o ideario político e social de ETA e para facer proselitismo".

nafarroa

Un informe de seis páxinas elaborado pola Garda Civil alerta de que en Nafarroa hai docentes da esquerda abertzale. O estudo, cualificado como 'reservado' (malia iso, está a ser publicado por medios españois como El Mundo), leva por título 'Influencia da esquerda abertzale na rede de ensino público da Comunidade Foral de Navarra'. Nel, os axentes da Garda Civil detallan até que punto, sosteñen os xornais españois, a escola navarra está penetrada polo independentismo e mesmo por ETA. O que responde, sostén a Garda Civil, a unha estratexia para “empregar a educación para impoñer o ideario político e social de ETA”.

“Son centos de docentes que fan proselitismo entre o alumnado e as súas familias”

Nese informe da Garda Civil mesmo se afirma que un 5% dos e das profesoras do modelo educativo D (en euskera) estiveron relacionados con organizacións ilegalizadas da esquerda abertzale. Os axentes do Instituto Armado mesmo din que “máis do 25% do profesorado” ten vencellos con organizacións abertzales de esquerdas “e adícanse a facer proselitismo etarra”.

O 30% dos cidadáns navarros votaron opcións nacionalistas

Nas eleccións de 2011 ao Parlamento de Nafarroa, a esquerda abertzale, concorreu á cita como Bildu, atinxiu o 14% dos votos. E Na-Bai (coalición integrada daquela por partidos nacionalistas como PNV, Aralar...) tivo máis do 15%. Así pois, e no conxunto da cidadanía navarra, por volta dun 30% votou por unha opción nacionalista.


 


 

Comentarios