"Gara é un medio de vocación política porque o xornalismo é político"

O director de Gara visitará Galiza o vindeiro 25 de xullo. Falamos con el do modelo de negocio que dirixe mais tamén do conflito político en Euskal Herria. 

Iñaki Soto
photo_camera Iñaki Soto

Iñaki Soto é o director de Gara e Naiz. Esta quinta feira tomará parte nunha palestra sobre medios de comunicación xunto con Guillem Ramos-Salvat, director de DelCamp.Cat, de Nació Digital, e Xosé Mexuto, director de Sermos Galiza. Unha mesa redonda que terá lugar no Festigal, campus sul da USC, ás 19.00h do día 25 de xullo e na que se falará da crise do sector, dos nosos formatos e soportes mais tamén dos retos que teñen por diante proxectos mediáticos que como Gara e Sermos Galiza xorden da vontade popular. 

Gara xorde como proxecto popular após o fechamento de Egin por orde da Audiencia Nacional española. Cales foron as razóns do seu xurdimento?

Cando se crea Gara eu fun un dos fundadores. A miña foi unha das 10 mil familias que puxeron diñeiro para crear un medio propio. Neste país existe unha comunidade que acredita no control popular que debe exercer a sociedade na política e, neste senso, tamén o dos medios de comunicción. Esa foi a razón pola que decidimos apoialo e ese continúa a ser o principal obxectivo do medio hoxe. 

Nese senso, cal é a función social que cumpre o proxecto?
A nosa sociedade é, por razóns en boa medida históricas, bastante progresista e mesmo de esquerdas en moito sentido. É moi significativo o xiro, por exemplo, dun partido como o PNV --demócrata-cristián, en relación ao aborto ou ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo, onde mantén posturas moi liberais. Neste senso, é lóxico que existan medios de comunicación de esquerdas con posturas non clientelares e mesmo revolucionarias como Gara. Pois, malia sermos un xornal xeralista, é un medio moi comprometido con cuestións sindicais e co feminismo. De feito, somos o único medio que ten un editorial ao mes sobre cuestións feministas e iso é froito da comunidade que o xerou. 

"Somos o único medio que ten un editorial ao mes sobre cuestións feministas e iso é froito da comunidade que o xerou"

Co tempo lanzádesvos á rede e creades Naiz. Como está a ser a experiencia?
Foi moi interesante porque fixemos cousas a contracorrente como crearmos outra cabeceira mentres a maior parte dos medios o que fixeron foi adaptar as edicións impresas ao soporte dixital. Era un xiro que tiña por obxecto dar resposta ás novas formas de consumo e as demandas sociais. Desde hai 8 meses introducimos as subscricións e na actualidade estamos vendendo os mesmos exemplares que hai un ano, algo no que coido somos o único medio que o pode dicir. A experiencia está a ser moi boa, embora ser tortuosa [ri] e Naiz é unha plataforma que está a funcionar. A maior parte das críticas que recibimos son moi positivas. 

Atopastes, entón, o ansiado modelo de negocio que todos os medios procuran?
Nós tiñamos unha vantaxe a priori que outros medios non teñen e é que esa comunidade que se procura nós xa a tiñamos antes de saír. Agora está moi de moda --coido porque o termo está en inglés-- o do crowdfunding. Hai 10 anos nós fixemos un crowdfunding masivo e conseguimos un proxecto que non puider estar controlado. Un medio alicerzado nesa comunidade que o creou e que posibilitou que durara todos estes anos. 

 A miña foi unha das 10 mil familias que puxeron diñeiro para crear un medio propio

Un medio de comunicación permite facer unha fotografía panorámica do que acontece. Nese senso, como é a foto que ten Gara do momento actual a respeito do conflito político en Euskal Herria?
Somos un medio de vocación política porque o xornalismo é político. Non se fai como pretenden dicir algúns nun convento e de maneira virxe. O xornalismo é político, mesmo o deportivo. Nese senso, sempre defendimos que aquí existe unha nación, formada por 7 territorios, que conta cunha lingua de seu e que é responsabilidade nosa, tamén, mantela. Aliás, sempre defendimos que neste país existía un conflito político, onde centos de persoas estaban presas, moitas dispersadas e no que a solución viría através do diálogo. En 16 anos as cousas teñen mudado moito, a esquerda abertzale mudou de estratexia e nesa altura nós dixemos que había que cambiar de fase. Co que non contabamos era con que o Estado español sería tan pobre politicamente e tan inhumano. Nos últimos 3 anos vimos morrer presos nas cadeas, líderes políticos que continúan presos e un índice de militarización elevadísmo. Neste camiño aqueles que defendiamos a paz fortalecímonos mentres que o Estado español está a actuar con pouca perspectiva política, mesmo para os seus propios intereses. O certo é que a súa actitude a medio prazo carrexaralle perdas, se ben a súa estratexia permítelle xerar un sufrimento maior. 

"A estratexia política do Estado español en relación ao conflito político permítelle xerar un maior sufrimento"

Ora ben, a comunidade internacional embora non presionar o estado español, coido que si lle está a dar toques de atención, como foi a sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en relación á doutrina Parot. 

En relación a iso, a sentenza da Audiencia Nacional española pola que se absolveu a 40 independentistas deixou claro que os seus testemuños foran obtidos baixo presión e mesmo deixa entrever a existencia de torturas. No entanto, a imprensa sistémica non se fixo eco da noticia...
Iso di moito da cultura política do Estado español. Se tiver acontecido en Gran Bretaña, xornais como The Guardian ou The Times terían feito un escándalo. En troca, eses medios que no seu momento lanzaran acusacións moi duras contra eses mozos, cando a Audiencia non só os libera senón que deixa en evidencia que existiron episodios de tortura, non din nada. Iso ten difícil solución e reflicte a falta de cultura política ou de cultura en xeral da sociedade española. Porén, nese senso coido que tamén está a haber mudanzas, pois 5 anos atrás esa sentenza non sería posíbel. E, malia todo, houbo medios independentes que recolleron o que aconteceu e esa é tamén parte da función social de medios coma os nosos. 

Comentarios