ETA reafirma nun comunicado que seu obxectivo é 'selar até o último arsenal'

A través dun comunicado ETA reafírmase no fin da loita armada e no obxectivo de “selar até o último arsenal”, segundo o acordado coa Comisión Internacional de Verificación. 

Membros de ETA con representantes da CIV
photo_camera Membros de ETA con representantes da CIV

ETA busca darlle seguridade á sociedade e á comunidade internacional a través dun novo comunicado. Con data do 24 de febreiro e feito hoxe público, reafírmase no fin da loita armada, decisión que os levou a iniciar o selado e inventariado dos arsenais, anunciado pola Comisión Internacional de Verificación. 

“O proceso de selado de arsenais comezou e o compromiso de ETA é levalo até o final, até o último arsenal”, sinala no texto no que engade que con este anuncio agarda contribuír a “fomentar o clima para o diálogo e o acordo, así como avanzar noutras cuestións”. 

A CIV será a encargada de desenvolver o proceso para o precintado das armas, nun labor no que terá que verificar o selado que fará ETA e tamén inventariar armas, explosivos e demais dispositivos. 

Co selado dos arsenais quere deixar “fora de uso operativo” de maneira probada armas, explosivos e demais dispositivos, no que definen como un camiño cara a solución do “conxunto de consecuencias do conflito político”. 

ETA responde tamén diante dos ataques recibidos para advertir que poden condicionar o proceso e reclama responsabilidade nun escrito que ten data do día despois da comparecencia dos representantes da CIV na Audiencia Nacional. “Reafirmamos a nos enteira disposición a participar nos diálogos e acordos necesarios para superar todas as consecuencias do conflito, incluíndo o desarme de ETA”, engaden non sen reclamar tamén o fin da “conculcación de dereitos que padecen os presos políticos vascos”. 

Comentarios