ETA propón unha axenda de diálogo que poña fin ao conflito político en Euskal Herria

A organización armada fixo público un comunicado en que insta aos gobernos español e francés a abrir unha mesa de negociación após un ano da declaración dun cesamento permanente ao fogo.

En máis dunha ocasión, após declararen un cesamento ao fogo permanente e irreversíbel, a organización armada ETA expresou a súa disposición a iniciar un proceso de diálogo co que pór fin a corenta anos de conflito político en Euskal Herria. No documento feito público pola banda, propoñen unha "axenda de diálogo" coa que abordar "os tempos e prazos" que resolvan as "consecuencias do conflito". Entre elas o achegamento das persoas presas en cadeas fóra de Euskal Herria así como "dos exiliados políticos vascos", aseguran na misiva.

Aliás, emprazan aos Estados español e francés a determinar a través do diálogo "as fórmulas e prazos do desarme, a disolución das estruturas armadas e a desmobilización dos militantes de ETA". Porén, a axenda proposta pola organización abrangue tamén a "desmilitarización de Euskal Herria" após, din, o final da confrontación. No seu comunicado, aseguran, asemade, estar dispost@s a "escoitar e analizar" as propostas de ambos os dous gobernos e lémbranlles que son coñecedores da súa "disposición e compromiso".

Sen condicións e centrado unicamente nas consecuencias do conflito político, ETA asegura estar "preocupada" pola "involución" sufrida nos posicionamentos mantidos polos gobernos do Estado español e Francia así como, dalgúns partidos. Neste senso, apelan á "forza do pobo vasco" para superar a situación de bloqueo, din, e emprazan á comunidade internacional a "perseverar" na resolución do conflito pois aseguran, "hai razóns suficientes".

Comentarios