Euskal Herria

ETA pon ''fóra de uso'' parte do seu arsenal armamentístico

ETA pon ''fóra de uso'' parte do seu arsenal armamentístico

A comisión internacional de verificación, cuxa mediación non recoñece o Goberno español, entregou un informe coa listaxe das armas e cualificou de ''críbel e significativo'' este primeiro paso cara o desarme completo da organización armada vasca.

eta_dentro
photo_camera [Imaxe: Captura do video que recolle o encontro entre ETA e a comisión]


A comisión internacional de verificación, cuxa actividade mediadora non está recoñecida polo Goberno español, confirmou que ETA puxo esta sexta feira 21 de febreiro "selou e puxo fóra de uso operativo" unha "grande cantidade" das armas e explosivos que fan parte do seu arsenal.

A comisión entregou un documento onde figura o material entregado pola organización armada vasca, para alén de cualificar este primeiro paso cara ao desarmamento total como "críbel e significativo". 

Interior chegou a aceptar que o anuncio da comisión internacional podería ser "positivo"

O Executivo español non recoñeceu a mediación desta comisión porque, segundo o ministro de Interior Jorge Fernández Díaz, "coa Garda Civil e a policía abóndanos para verificar se de verdade se desprenden das armas", o certo é que este paso á fronte dado por ETA no proceso de resolución do conflito vasco obrigou o goberno a mudar o seu discurso inicial. Fernández Díaz chegou a aceptar que o anuncio da comisión internacional podería ser "positivo", segundo informa o diario Gara.

A comisión internacional cualificou este primeiro paso cara ao desarmamento total como "críbel e significativo"

ETA cumpriu co anunciado hai dúas semanas nun comunicado en que dixo que faría "achegas significativas" para "alimentar" o proceso de paz "sen demora". A expectación internacional que a visita a Bilbo da comisión xerou levou o ministerio de Interior a mudar as expresións case despectivas con que se referira a este organismo, que chegou a cualificar de "comparsa" de ETA e a vaticinar que "van facer o ridículo". 

Con todo, nunha xuntanza realizada este 21 de febreiro cos seus homólogos de Portugal, Marrocos e Franza, o ministro español recoñeceu que "por suposto, todo paso que vaia cara á disolución é positivo", malia acrecentar que o seu goberno non vai "contribuír" para a "teatralización" de ETA. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

Máis en Euskal Herria
comentarios