ETA anuncia nun comunicado que desmantelou toda a súa estrutura armada

A organización vasca intentará agora “propiciar conversas para avanzar o proceso de paz” e “reforzar as tarefas políticas para a confrontación democrática”.

A organización armada ETA afirma no seu último comunicado que desmantelou as estruturas derivadas da loita armada como parte dunha transformación para pasar á "confrontación democrática", un proceso cuxo elemento central é, segundo indica, o selado dos seus depósitos de armas.

Ese proceso de transformación ten como obxectivo realizar "o tránsito do ciclo da confrontación armada á confrontación democrática", segundo explica a banda no comunicado, datado o 15 de xullo e sobre o que publicou un avance o portal do diario 'Gara', Naiz.info.

Nesta remodelación, ETA destacou o desmantelamento, xa culminado, das estruturas loxísticas e operativas derivadas da práctica da loita armada. Outra decisión que tomou a organización independentista é reforzar a estrutura para a tarefas políticas, "así como as que teñen como obxectivo propiciar conversas entre as diferentes partes para facer avanzar o proceso de paz", di no comunicado.

Comentarios