MIKEL ERREKONDO, PORTAVOZ DE AMAIUR

"O Estado español está enrocado en provocar o maior dano posíbel en Euskal Herria"

Conversamos co deputado e voceiro de Amaiur no Congreso español sobre a vía vasca, o futuro das nacións sen estado e a resolución do conflito político en Euskal Herria. 

Mikel Errekondo
photo_camera Mikel Errekondo [Imaxe Mar de Lumes]

Mikel Errekondo é o voceiro de Amaiu no Congreso español. Xogador de balonmán ao máis alto nivel o primeiro que sorprende é a súa altura. Logo, a proximidade coa que fala. Ex-alcalde en Usúrbil, milita desde hai anos na esquerda abertzale. Agora os tempos son, se se pode dicir así, menos conflitivos que hai anos mais, malia as mudanzas vividas, non dubida en sinalar o "negacionismo" español como principal responsábel da parálise que atinxe o proceso de normalización política en Euskal Herria. Após a súa participación en Santiago nunha palestra organizada por Mar de Lumes conversamos con el a respeito da vía vasca, a resolución do conflito e o futuro das nacións sen estado. 

Na palestra falaches dunha vía vasca para exercer o dereito de autodeterminación, o dereito a decidir, non hai dous procesos iguais?
Sen dúbida. O proceso catalán é unha referencia. Ten unha potencialidade evidente, habida conta dos parámetros que nos identifican a ambos os dous procesos. A actitude do Estado español perante a sociedade catalá é a mesma que co pobo vasco. Mais, como dis, cada sociedade, cada pobo ten que percorrer o seu propio camiño, coas súas particularidades e características. Somos pobos distintos, coa nosa idiosincrasia. Mais tamén solidarios. Respectámonos e apoiámonos. Nese senso, no noso caso a vía vasca parte dunha postura negacionista do Estado español, de involución e centralismo político-social. O que nós propomos é avanzar na construción no noso propio modelo socio-económico. Iso conleva apostar nunha fronte social, ampla. Procurar a hexemonía baseándonos no dereito a decidir en función do cal é o pobo vasco, a cidadanía de Euskal Herria a que decidirá o seu futuro. 

"Cada sociedade, cada pobo ten que percorrer o seu propio camiño, coas súas particularidades e características"

Euskal Herria ten entre os seus propios trazos un conflito político aínda por superar. Como avanzar perante o negacionismo español?
Coido que unha maneira de explicalo é a Declaración de Aiete na que se recollen os puntos básicos. O fin da actividade armada por parte de ETA, a reclamación aos estados [español e francés] de diálogo, o recoñececemento e reparación das vítimas e, en cuarto lugar, a recuperación da memoria. Esa é a folla de rota. A cuestión é que hai consecuencias palpábeis dun escenario de violencia que deixa millentas vítimas, centos de mortos por parte do Estado e de ETA; torturas... Nós falamos desde a óptica dunha sociedade que quer avanzar, cohesionada, comprometida e solidaria. Certo é que para chegar a unha paz xusta e duradeira, é preciso sentar os cimentos necesarios para que a sociedade sexa capaz de asimilar todo o dano que se causou. Hai que solucionar a situación dos presos e das vítimas. E aí o Estado español non está disposto. Está enrocado en provocar o maior dano posíbel. Nós o que non podemos é caer na súa trampa e por iso avanzamos na construción de Euskal Herria.  

"Para chegar a unha paz xusta e duradeira, é preciso sentar os cimentos necesarios para que a sociedade sexa capaz de asimilar todo o dano que se causou"

Nestes días tense falado moito das torturas da CIA nos EUA mais pouco se dixo das 6 sentenzas do TEDH que condenan o Estado español por torturas e mesmo algún fallo da Audiencia Nacional española que as apunta... 
Levamos décadas denunciando isto. O que reclamamos, como tamén o fan os colectivos de vítimas do franquismo, é a verdade. Hai dados moi clarificadores de 50 mil detidos durante o conflito político, 7 mil encarcerados e 10 mil denuncias de torturas. Houbo épocas en que se permitiron até 12 días de incomunicación. Joseba Arregi foi torturado durante 10 días. Morreu na cadea o mesmo día que o sacaron de comisaría. As sentenzas de Estrasburgo o que indican é que estamos perante un Estado que encobre todos os casos de torturas, as do franquismo e as cometidas no estado actual. Aliás, impide mesmo que no plano xudicial estes feitos sexan investigados. Iso é o que denunciou en 6 ocasións o tribunal europeo. Estamos perante un Estado opresor que emprega aínda as ferramentas e prácticas dictatoriais desenvolvidas no franquismo. Somos conscientes de perante quen estamos. Imos dar os pasos necesarios para desenmascaralo e, se é posíbel, para derrotalo. 

"As sentenzas de Estrasburgo o que indican é que estamos perante un Estado que encobre todos os casos de torturas, as do franquismo e as cometidas no estado actual"

Asemade Euskal Herria conta co factor de reunificación territorial. Isto exixe pensar o proceso en dous tempos?
O suxeito político é aquel que abrangue as sete provincias. As tres situadas ao norte dos Pirineos e as catro baixo administración do Estado español. Iparralde non conta cunha administración propia, como si acontece en Nafarroa e a Comunidade Autónoma Basca. Para construírmos un Estado propio partimos da base de que contamos con tres realidades políticas moi distintas que nos exixen ritmos diferentes. Nese senso, os procesos tamén deben ser distintos. Aliás, no caso do sur de Euskal Herria o proceso constituínte basco ten que definir un futuro conxunto ou non [refírese a Euskadi e Nafarroa]. Iparralde terá que definir primeiro o seu status co Estado francés e posteriormente decidir se quere unirse. 

Coas mudanzas que se están a producir no seo do Estado español, a queda de apoios do bipartidismo, a irrupción de forzas políticas como Podemos, que horizonte se perfila para as nacións sen Estado?
Quero crer que se abre un escenario máis positivo. Quero crer. Mais fica claro que aínda obrigará a que existan expresións máis explícitas do que se propón desde o estado para as nacións. Está en risco a propia estrutura do estado após a irrupción dunha nova proposta socio-política que puxo en tea de xuízo o bipartidismo. Haberá que ver se a distribución das forzas políticas --para alén de PP, PSOE e Podemos-- é capaz de plantexar a necesidade de abrir o goberno español a outro tipo de representación, que é moito dicir. Mais ninguén esperaba ver a situación actual e de aquí nun ano as cousas poden avanzar aínda, nunha dirección e noutra. Así as cousas, tanto PP, PSOE como Podemos pensan en chave estatal. Teñen como prioridade o Estado e, nese senso, Podemos quere chegar ao goberno e desde aí impulsar un cambio, ou iso din. O seu norte e obxectivos é manter xeograficamente, cando menos, unha situación semellante á actual. Fala de recoñecemento de nacións, de iniciar un proceso semellante ao bolivariano e dun único proceso constituínte. Para nós, se iso é así estariamos falando case do mesmo que agora.

"Tanto PP, PSOE como Podemos pensan en chave estatal. Teñen como prioridade o Estado"

Está claro que a súa loita pola hexemonía exíxelles non aclarar termos, o futuro das nacións sen estado é un deles. Cando as cousas cheguen a determinado punto no caso catalán veranse obrigados a clarificar a súa postura. Mais, moito me temo que sempre priorizará a aposta no Estado. En Nafarroa xa houbo algún círculo, segundo comunicaron, que abandonou a formación ao non aceptar que sobre os asuntos navarros decida Madrid. Co PP e PSOE sabemos en que situación nos atopamos e que resposta nos vai dar. Con Podemos peor non vai ser mais non creo que vaia existir un recoñecemento específico do dereito a decidir do pobo basco, catalán e galego, sexa cal sexa. 

Hai espazo para un novo marco ou ese dereito pasa só pola ruptura democrática?
Cando falamos de ruptura democrática falamos de rachar con todos os principios que se manteñen no Estado. Significa rachar con aquilo que dixo o propio Juan Carlos de Borbón cando foi nomeado sucesor por Franco e lle agradeceu o xesto prometendo que salvagardaría os principios do movemento. Iso é o que fixo até a súa abdicación. A ruptura supón superar todo o que deixou atado e ben atado Franco e se recoñeza dunha vez e para sempre que existen os pobos galego, basco e catalán e que, polo tanto, hai que tratalos como suxeitos políticos que hai que respectar. A partir de aí, sentamos a falar. 

Comentarios