EH Bildu di que “esperar por cambios en España é como crer en ectoplasmas”

A formación vasca considera que “a posición do Estado é monolítica e agresiva” e considera “revolucionaria” a vía soberanista que defende.

Acto de EH Bildu en el BEC (Marisol RAMIREZ / ARGAZKI PRESS)

EH Bildu sinalou que a denominada 'vía vasca' que propón é "revolucionaria" ao sinalar un "camiño inédito" e subliñou que non se pode pedir á sociedade vasca que “se quede de brazos cruzados esperando non sabemos que descubrimento en Madrid". Nun comunicado, a coligazón soberanista valorou así mesmo o pacto que formacións catalás e entidades civís acordaron esta sexta feira sobre o establecemento dunha folla de ruta soberanista, que consideran que é un "espello" no que mirarse. 

Por iso, Bildu destacou que o de Catalunya é un "exercicio de acordo" para unha folla de ruta que xa conta cun principio de acordo entre diferentes actores políticos e sociais. "Nós desexamos que esa folla de ruta acade o maior consenso posíbel entre os partidos políticos e a sociedade civil catalá para dotar da maior viabilidade e forza ao proceso independentista catalán", considerou.

Ademais, defendeu que a 'vía vasca' é "revolucionaria" porque "propón transitar unha vía inédita até a data en Euskal Herria". "Imposíbel é neste momento pensar que poida chegar acordo algún desde Madrid cando a posición do Estado é tan monolítica como agresiva para cos dereitos nacionais do pobo vasco", argumentou. Nesta liña, apuntou que "esperar a non sabemos que cambios de actitude e até de goberno ou outras circunstancias en España, é como crer en ectoplasmas, unha actitude irreal, ilusa e irresponsábel"

Comentarios