EH Bildu avoga pola soberanía no ensino e o PP por re-editar o pacto co PSE

A coalición independentista EH Bildu afirmou esta cuarta feira que non aceptarán "que Madrid decida o noso ensino". Desde o PP afirman que volverían re-editar o pacto co PSE, se ambos os dous partidos conseguisen "suficientes" escanos para tal fin; cousa pouco probábel segundo as enquisas.
Laura Mintegui e Íñigo Urkullu
photo_camera Laura Mintegui e Íñigo Urkullu

Após as declaracións do ministro de Educación español, José Ignacion Wert, nas que afirmaba no Congreso que o seu "interese é españolizar aos alumnos cataláns", EH Bildu afirmou que o sistema educativo que propoñen "debe facer fronte a un afán centralizador e uniformador do Estado español".

A coalición independentista debullou a súa proposta educativa na que subliña que "é o ensino o que garantir a supervivencia do noso pobo e da nosa lingua". Así pois, enviou unha mensaxe clara a Madrid: "Non aceptaremos que Madrid decida que, como e en que lingua deben ser ensinados os nosos fillos e fillas".
EH Bildu volveu salientar que apostan pola independencia e reivindicou "a plena soberanía política e económica".

O PP, con Antonio Basagoiti á cabeza, repetiu esta cuarta feira que non é viábel a opción independentista. Dixo Basagoiti que "na Euskadi independente habería labazadas para cobrar a pensión".

O candidato do PP tamén se referiu á posibilidade de re-editar o pacto de goberno, que rachou antes do verán, co PSE, sempre e cando a suma de ambas as dúas organizacións dese un resultado suficiente; cousa pouco probábel segundo as enquisas. Esta declaración teria sido recibida no PSE como unha especie de abrazo do oso.

Modelo policial

Estas eleccións autonómicas teñen varios elementos novidosos. Dunha banda, son as primeiras após a decisión de ETA de abandonar a loita armada; e doutra, a opción independentista preséntase aos comicios con certa "normalidade", malia que Arnaldo Otegui segue preso. No entanto, a súa mensaxe tamén se fixo presente mediante o libro-entrevista qye saiu á luz o pasado 28 de setembro.

Ambos os dous elementos, e a suma da conmemoración da morte do siareiro do Athletic, Íñigo Cabacas como consecuencia dun pelotazo policial, centrou o discurso de varios dos candidatos arredor do modelo policial.

Onte Urkullu afirmou que fai falla converter á Ertzaintza noutro tipo de policía, "preventiva, próxima e ao pé da rúa, transparente e visíbel". Os principais partidos políticos introduciron nos seus programas as súas propostas sobre "seguridade cidadá", malia que o achega máis novidosa chegou da man de EH Bildu, que denominou 'Liberdades Cidadás' ao que hoxe en día é interior.

Julen Arzuaga é a persoa designada polos independentistas para o devandito posto, no caso de que cheguen ao Goberno. Nunha recente entrevista, Arzuaga afirmou que enfrontarán "unha intensa reforma da Ertzaintza para convertela nunha policía de servizo, non represiva".

Enquisa diaria

GARA e NAIZ publican diariamente unha enquisa sobre a intención de voto. Na última delas o PNV mantense á cabeza con 27 escanos do total de 75 que compoñen o Parlamento, séguelle EH Bildu con 23, o PSE con 13 e o PP con 10. Izquierda Unida - Ezker Anitza e UPyD completarían a Cámara cun escano cada un.

Comentarios