Máis de 100.000 vascos, o duplo do previsto, unirán as súas mans este domingo na defensa da auto-determinación

Unha cadea humana vai unir este domingo os 123 Km que hai entre Durango (Gipuzkoa) e Iruñea (Nafarroa) para reivindicar o dereito do pobo vasco a decidir.

gure esku dago

“O dereito á auto-determinación non é un dereito nacionalista. É un dereito democrático”. Escribiuno, desde o exilio, Joseba Sarrionaindia, resumindo unha opinión que non é o primeiro (nin será o derradeiro) en ter que explicar. Que defender que os pobos decidan o seu propio futuro é básico para calquera que se denomine demócrata. Este domingo en Euskal Herria optan por un exemplo práctico: mostrar que hai unha maré humana que quer excercer o dereito a decidir como pobo. Alén de persoas, síntense parte dun pobo. E como tal queren decidir o seu futuro. Unha demanda que, se ben naceu desde sectores sociais da esquerda abertzale, sobrepasou lindeiros e valados para xerminar noutros eidos. Un exemplo? Podemos así como colectivos libertarios apoian esa cadea humana que o domingo unirá Durango e Iruñea. Non así Izquierda Unida, malia ser expresamente convidada.

"Somos persoas, claro, e tamén formamos dun pobo, o vasco. E queremos decidir como pobo sobre o noso pobo"

Gure Esku Dago é o colectivo que organizou esta cadea humana. Pensaban reunir 50.000 persoas e a 48 horas do inicio teñen máis de 100.000 inscritos. Cen mil persoas que van unir as súas mans para tecer en Durango e Iruñea unha gran serpe multicolor pola liberdade. Das persoas, si. Mais sobre todo das persoas como pobo.

A organización salienta que hai centos de voluntari@s para que todo transcurra á perfección, centos de autobuses que se mobilizarán desde toda EH para que a xente poida estar nos puntos da cadea. “Son 123 Km de percorrido”, sinalan desde a organización para engadir de seguido: “mais como se fosen 123.000... hai vontade de percorrelos polo dereito a decidir d@s vasc@s!!”.

A organización calculaba 50.000 participantes. A 48 horas do día xa hai máis de 100.000 inscrit@s

A diáspora, a tope

Gure Esku Dago tamén salienta que esta iniciativa non é, nen moito menos, un punto final. Senón un chanzo máis na escaleira de mobilizacións e actos que se van ir incrementando nos vindeiros meses na defensa da auto-determinación de Euskal Herria. “Somos un pobo en marcha, e non hai freo que nos poida parar”, salientan.

Mais esta iniciativa tamén chegou á diáspora vasca. Emigrantes vascos en Buenos Aires. Londres ou Nova Iorque, entre outras cidades do mundo, unirán as súas mans este domingo na defensa do dereito a decidir.

Comentarios