APóS OS RESULTADOS DE PODEMOS

O deputado de EH Bildu Oskar Matute aposta en "redefinir o proxecto nacional de Euskal Herria"

O parlamentar de EH Bildu Oskar Matute apostou en “redefinir o proxecto nacional de Euskal Herria” após acadar Podemos os mellores resultados “onde existe unha conciencia nacional crecente ou importante como Euskal Herria, Catalunya ou Galiza”.

En declaracións a Radio Euskadi, o deputado de EH fixo fincapé en que “os mellores resultados de Podemos teñen lugar onde existe unha conciencia nacional crecente ou importante como Euskal Herria, Catalunya e Galiza”.

Neste contexto, avogou en “redefinir o proxecto nacional para Euskal Herria, pero que poida ser incluínte, atractivo e entendido como un percorrido eficaz para a mellora das súas condicións de vida para o conxunto do pobo, sexa ou non abertzale”. “Ese obxectivo pode unirnos a moitos cidadáns, con independencia da sensibilidade política ou o grao de identificación nacional que poidamos ter”, engadiu.

"Se podemos decantar votacións, estaremos en todos os debates, sen ningún complexo"

Para o deputado vasco, un pacto de esquerdas para lograr unha maioría no Congreso de cara á investidura dun novo presidente do Goberno español é “moi difícil”. “A presión dunhas novas eleccións condicionará os discursos”, apuntou. “Se podemos decantar votacións, estaremos en todos os debates, sen ningún complexo”, salientou ao respecto.

En relación aos resultados de EH Bildu, o deputado abertzale insistiu en que “desde o día das eleccións, amais de recoñecermos o mal resultado electoral que obtivemos, xa sinalamos que non foramos quen de nos meter nunha lóxica de debate que tiña moito a ver co contexto político que desde Madrid emana, que é o da continuidade ou o cambio desde unha lóxica de fin de cambio e da austeridade”.

Comentarios