LOITA ARMADA

Miles de persoas exixen en Euskal Herria repecto polos dereitos d@s pres@s polític@s

Desde Herrira reclamaron que os Gobernos español e francés abandonen o inmobilismo e lembraron que dos dereitos fundamentais son titulares todas as persoas, "aínda que fiquen encarceradas"

Un total de 245 localidades acolleron en Euskal Herria actos enmarcados na iniciativa Goazen Plazara, convocada por Herrira, e aos que asistiron miles de persoas en defensa dos dereitos d@s pres@s polític@s e para reclamaren aos Gobernos español e francés que abandonen o inmobilismo. O mal tempo non rebaixou unha cifra de asistencia que sorprendeu até a propia organización. E é que á falta de contabilizar todas as concentracións realizadas, estiman en 28.500 as persoas que se botaron á rúa para exixiren o respecto dos dereitos deste colectivo.

"Non se poden mesturar os dereitos fundamentais que teñen @s pres@s con cuestións políticas", reclamaron desde Herrira, chamando a non esquecermos que tales dereitos corresponden a todas as persoas "aínda que fiquen presas". Criticaron a "cadea perpetua encuberta" que se aplica a día de hoxe no Estado español, e informaron de que 50 desas persoas cumpriron xa a pena imposta e que 14 delas padecen enfermidades "graves", polo que a súa posta en liberdade é "urxente".

Arremeteron tamén contra a dispersión, que obriga a familiares e amig@s a realizar viaxes de 1.000, 1.500 ou 2.000 quilómetros e de 10, 20 ou 25 horas de duración cada fin de semana. Esas viaxes custáronlles xa 16 vidas. Nesta mesma liña, queixáronse de que o ministro do Interior "día si e día tamén" faga "apoloxía" da dispersión e dunha política penal de excepción, "deixando en evidencia que son decisións políticas", pois a lexislación española "non di onde teñen que estar encarcerad@s @s pres@s".

A demanda de respecto dos dereitos das persoas presas non se limitou ao interior de Euskal Herria, xa que tamén levaron a cabo mobilizacións en lugares como Buenos Aires, Londres, Terrassa, Lisboa ou Bruxelas. En moitos deses actos, en case todos, unha cadeira baleira simbolizou que nesas concentracións non estaban tod@s.

Comentarios