A candidatura unitaria navarra ao Senado esvaece polas reticencias de Podemos e IU

O partido de Pablo Iglesias en Nafarroa considera “inadmisíbel” que a proposta non contemple maior protagonismo da formación. 'Ahora en común' xa elixiu os seus candidatos á Cámara alta. EH Bildu e Geroa Bai piden unha aposta sincera “na unidade”.

Ikurriña iruña
photo_camera Concello de Iruñea

A posibilidade dunha candidatura unitaria navarra ao Senado esvaece polas reticencias por parte de Podemos e IU, segundo informan varios medios de Nafarroa e Euskal Herria. A iniciativa desta lista conxunta para a Cámara alta foi lanzada desde Geroa Bai, formación da esquerda nacionalista vasca que ten a presidencia da Comunidade Foral. Unha proposta aberta ás catro formacións que, como ten sinalado a presidenta navarra, Uxue Barkos, conforman “o cambio” en Nafarroa: Geroa Bai, EH Bildu, Podemos e Izquierda-Ezkerra [coligazón de IU, Batzarre e independentes], que sustentan goberno foral e tamén o executivo local de Pamplona-Iruñea.

Mais desde Podemos xa se sinalou que consideraban “inadmisíbel” que os membros do seu partido non tivesen máis protagonismo na candidatura. Referíase a que as propostas para a candidatura non contemplasen persoas de Podemos. As outras forzas lembráronlle que a actual senadora por designación autonómica na Cámara alta é de Podemos. De por parte, 'Ahora en Común', marca de IU e Batzarre para estas eleccións, xa elixiu en primarias os seus candidatos ao Senado por Nafarroa neste 20-D.

Geroa Bai defende que as e os senadores eleitos por esa eventual candidatura se integrarían no grupo mixto e non no de Podemos

Desde Geroa Bai, Koldo Martínez cualificou de “mala nova” a postura de Podemos mais asegurou que todo está aberto. Lembrou que non hai propostas concretas de nomes sobre a mesa, e que o importante é concordar nas persas. Reiterou que as e os senadores eleitos por esa eventual candidatura se integrarían no grupo mixto e non no de Podemos.

Desde a esquerda abertzale, Adolfo Araiz (EH Bildu) pediu “apostar na unidade” porque, sostén, poderían ser a primeira forza nestas eleccións en Nafarroa.

Comentarios