Candidatura unitaria ao Senado en Nafarroa

EH Bildu, Geroa Bai, Podemos e Izquierda-Ezkerra concorrerán aos comicios conxuntamente como agrupación de electores.

Após varios días de negociación as catro forzas políticas que gobernan en Nafarroa (Geroa Bai, EH Bildu, Podemos e Izquierda-Ezquerra) acordaron presentar unha candidatura conxunta ao Senado o 20 de decembro. 

A base programática do acordo alicérzase no pacto de goberno asinado após as eleccións do 24 de maio e materializarase através dunha agrupación de electores polo que precisarán recompilar 5 mil sinaturas, segundo explicou a secretaria xeral de Podemos en Nafarroa. Laura Pérez foi a encargada de comunicar publicamente o contido do acordo. 

EH Bildu en Nafarroa lamentou que o acordo non se tivese materializado tamén para o Congreso

Asemade, as forzas políticas asinantes inclúen referencias específicas á blindaxe dos dereitos sociais, a reforma da lei electoral, a independencia xudicial e a loita contra a corrupción. 

Pola súa banda, o voceiro de EH Bildu en Nafarroa lamentou que o acordo non se tivese materializado tamén para o Congreso. O obxectivo das catro formacións é que a candidatura se faga coa totalidade dos escanos que lle corresponden ao territorio no Senado. Isto é, o de designación parlamentar, que xa ocupa Idoia Villanueva (Podemos) máis os tres que saian dos comicios do 20-D. 

Comentarios