Batasuna disólvese para se adaptar aos cambios políticos en Euskal Herria

A formación asegura que a súa disolución procura adaptar a estratexia da esquerda abertzale ao novo contexto político vasco. O anuncio prodúcese en Baiona (Ipar Euskal Herria) onde Batasuna non foi ilegalizada. Imaxe: Naiz.net

"Temos que dar por esgotado o tempo de Batasuna". Así explicaban @s voceir@s da formación Maite Goienetxe e Jean-Claude Agerre a decisión adoptada no seo da formación abertzale. Os cambios transcorridos no último ano xunto coa necesidade de (re)pensar a estratexia de construción nacional vasca levaron á militancia de Batasuna a se (auto)disolver, após once anos do seu nacemento.

Nunha conferencia de imprensa desenvolvida en Baiona (Ipar Euskal Herria), Goienetxe e Agerre aseguraron que a decisión se enmarca no fin dun cliclo político en Euskal Herria e a necesidade de que a esquerda abertzale --no seu conxunto-- se adapte á nova situación xurdida após a Conferencia de Aiete e o anuncio dun cesamento permanente ao fogo por parte de ETA. Neste senso, @s voceir@s de Batasuna, lembraron os malos momentos vividos no seo da súa formación durante os últimos anos, nomeadamente a entrega por parte do goberno francés de Aurore Martin ás forzas españolas.

Segundo Batasuna, o seu obxectivo segue a ser "traballar pola unión dos abertzales" e a prol "da defensa da construción nacional". Neste senso, aseguraron que "as siglas non teñen importancia" senón que priorizan a necesidade de contar cos instrumentos políticos precisos para adaptaren a súa loita "ao novo tempo político", motivo polo cal decidiron disolvérense.

"Comezamos a construír unha nova fase política" que ao seu entender xorde do inicio dun novo marco político emanado do acordo estratéxico entre o movemento abertzale, "e as esquerdas" e nese contexto, din, "o instrumento acaído xa non é Batasuna".

Imaxe capa: @AnttonRouget Naiz.info 

Comentarios