A Audiencia Nacional prohibe a marcha de Bilbo polos dereitos d@s pres@s de ETA

O veto á manifestación, convocada para este sábado, vén amparado no argumento esgrimido pola fiscalía: que detrás da iniciativa cidadá Tantaz Tanta está Herrira, que ten a actividade suspendida desde outubro por orde deste tribunal español.

tantaz-tanta_dentro
photo_camera [Imaxe: Naiz]


A Audiencia Nacional prohibiu a manifestación en prol dos dereitos dos e das presas de ETA que a iniciativa cidadá Tantaz Tanta tiña convocada para este sábado. Pedírao a fiscalía, argumentando que este colectivo está vinculado ao colectivo Herrira de apoio a familiares dos e das presas, cuxa actividade o tribunal español suspendeu en outubro de 2013 após prender 18 activistas.

A petición da fiscalía fora elevada ao xuíz Pablo Ruz, quen ditaminou que a manifestación podía celebrarse porque "non se achegaron elementos suficientes que permitan superar a fase de sospeita e alcanzar a fase de alta probabilidade indiciaria esixíbel para apreciar o delito" de enaltecemento do terrorismo. Baseou Ruz a súa argumentación na doutrina máis recente do Tribunal Supremo onde se indica que unha mobilización en prol dos dereitos d@s pres@s non carrexa nin eloxios nin xustificacións de actos de terrorismo.

Porén, o xuíz Eloy Velasco, o mesmo que instrúe a causa de Herrira, contradí Ruz e aprecia enaltecemento ao considerar, como indicou a fiscalía, que a organización da marcha a realizou Herrira. 
A fiscalía baseou a súa argumentación nun informe da Garda Civil que demostraría "de maneira acreditada e xustificada", din, a vinculación entre Tantaz Tanta e Herrira. Destaca a AN que desta volta o documento non sería coma outros anteriores "en que se remiten oficios plagados de convicións policiais sen baseamento fáctico algún".

O fiscal Carlos Bautista transladou así a petición de prohibición da marcha que realizaron tres organizacións de vítimas de ETA. Insiste en que Tantaz Tanta é Herrira e que "non se pode consentir a celebración da manifestación dunha organización da cal indiciariamente se presume o seu carácter terrorista".

Malia estar apoiada por entidades sociais, organizacións culturais, músic@s, escritor@s, sindicatos, formacións políticas, colectivos veciñais, entidades deportivas, plataformas internacionalistas e até sacerdotes e grupos de cristiás e cristiáns de base, a Audiencia Nacional prohibiu a marcha.

Comentarios