A Audiencia Nacional móvese para impedir que Otegi sexa candidato

Rexeitou o recurso presentado pola defensa do secretario xeral de Sortu que apelará agora ao Supremo.

Lectura da mensaxe de Otegi no congreso de Sortu
photo_camera Lectura da mensaxe de Otegi no congreso de Sortu

Nun auto emitido pola Sala Cuarta da Audiencia Nacional española esta segunda feira e que recolle o diario basco Naiz, o tribunal desestima o recurso presentado pola defensa do secretario xeral de Sortu, encarcerado polo caso Betaragune e condenado a 6 anos e medio de inhabilitación a partir da súa saída de prisión, no mes de marzo

Con esta decisión desde a Audiencia Nacional tentan que o líder abertzale non poida candidatarse nos comicios ao Parlamento basco de 2016. De facto, non podería facelo a ninguhas eleccións até 2021. Porén, o Tribunal Constitucional xa se ten pronunciado ao respeito aclarando que naquelas sentencias en que non fiquen expresamente sinalados os cargos para os que se faría efectiva a inhabilitación enténdese que non foi imposta. 

O caso de Otegi é igual ao do parlamentar Iker Casanova a quen non puideron impedir tomar posesión do seu escano no Parlamento basco 

O propio ministro de Xustiza, Rafael Alcalá, así o expresou ao fío do caso Otegi. "Cando se declara unha inhabilitación xenérica estabelécese que, se non se concreta, pode interpretarse por non posta", dixo após saír publicado no diario El Mundo que Otegi podería ser lehendakari

Neste senso, existe xa un precedente. O parlamentar basco Iker Casanova xulgado e condenado a 7 anos de cadea. Recuperou a liberdade en 2011 e en setembro de 2014 asumiu o escano após a demisión de Laura Mintegi. Na altura, a Secretaría Técnica da Fiscalía Xeral do Estado sinalou que non podía vetarse a entrada de Iker Casanova no Parlamento ao non se ter detallado na sentenza para que cargos se estabelecía unha inhabilitación especial. 

A defensa de Arnaldo Otegi recorrerá ao Supremo. 

Comentarios