Arnaldo Otegi será illado 12 días polo discurso no BEC

Así o decidiu a Comisión disciplinaria da cadea de Logroño en que permanece arrestado desde 2009. Segundo institucións penitenciarias, o de Helgóibar tería cometido unha falta grave e outra leve pola súa participación a través dunha gravación, no acto pola independencia celebrado no BEC de Barakaldo o pasado mes de outubro.

Doce días de incomunicación na cela e tres sen dereito a paseo para Arnaldo Otegi. Así o anunciou este domingo a Comisión disciplinaria da cadea de Logroño. Segundo as autoridades da penitenciaría, Otegi tería incorrido nunha falta "moi grave" por ter difundido información "de seguridade e boa orde", aliás, acúsano de cometer unha outra falta, desta volta leve, por alternar "de maneira fraudulenta" as súas comunicacións. 

As sancións, prodúcense após serenlle restrinxidas de maneira cautelar as visitas a partir da súa participación nun acto político organizado pola alianza EH Bildu durante a pasada campaña. Arnaldo Otegi, interviu nun momento da xornada, celebrada no BEC de Barakaldo, a través dunha gravación en que alentaba a continuar adiante co proceso de paz e a prol da autodeterminación do pobo vasco. 

O ditame da Comisión disciplinaria non se tería feito efectivo até o de agora, pois a defensa de Otegi teria interposto un recurso perante a Audiencia Nacional. Neste senso, o xuíz, José Luís Castro, non tería un prazo pre-fixado para adoptar unha posición ao respecto. 

Comentarios