Un Aberri Eguna cun ollo posto en Cataluña e Escocia e outro na reunificación

As forzas da esquerda abertzale celebraron un acto en Larresoro -baixo dominio francés- en reivindicación da Euskal Herria dos sete territorios e este domingo sumaranse á manifestación convocada pola rede Independentistak en Iruña. O Día da Patria Vasca céntrase un ano máis no dereito a decidir, con vocación internacional e o proceso de paz ao fondo.

O dereito a decidir, a soberanía e o cambio social foron as reivindicacións que centraron o discurso que Anita Lopepe (Sortu) e Rebeka Ubera (Aralar) ofreceron o sábado na localidade vasca de Larresoro (Iparralde) no acto político que as formacións que compoñen EH Bildu e Abertzaleen Batasuna (AB) celebraron con motivo do Aberri Eguna (Día da Patria Vasca).

As forzas da esquerda abertzale xuntáronse baixo o  "Euskal Herrian erabaki, Zazpiak bat" ("A decisión en Euskal Herria, as sete nunha") facendo alusión ás sete provincias históricas, agora divididas en tres administracións (baixo dominio francés e español, neste caso repartido entre a Comunidade Autónoma Vasca e Nafarroa) unha reivindicación tradicional do nacionalismo vasco que colle máis folgos este ano ao celebrárense as eleccións europeas, nas que a coalición EH-Bildu concorre xunto ao BNG. Precisamente, este ambiente electoral tamén marca un Aberri Eguna moi internacional, no que non faltarán as alusiones aos procesos independentistas emprendidos por Escocia e Cataluña, ambas nacións con referendos convocados de autodeterminación, se ben o estado español quere prohibir o segundo deles.

O domingo (que é cando se celebra o Aberri Eguna), Sortu, EA, Alternatiba, Aralar e AB estarán na manifestación que convocou a rede Independentistak en Iruña co eslogan de 'Gehiengoaren nahia, independentzia' (a independencia, o desexo da maioría).

Pola súa parte, desde o PNV o lehendakari Iñigo Urkullu expresou o seu desexo de que esta data comece a ser "festexada" por toda a sociedade vasca, "non só polos nacionalistas".

Ademais do dereito a decidir e o escenario internacional, no ambiente do Aberri Eguna tamén sobrevoará o proceso de paz, á espera de novos pasos unilaterais de ETA pero tamén de que os Gobernos, especialmente o español, accedan a tomar medidas nesa vía, como o achegamento de pres@s.