A sociedade vasca premia nas urnas os implicados na Conferencia de Aiete

Cúmprese hoxe un ano da Conferencia Internacional de Aiete, que se pechou coa declaración que pedía o cesamento definitivo a ETA, diálogo a Madrid e París e unha solución política aos partidos. Foi a antesala do fin da loita armada de ETA. O electorado viuno como algo positivo e premiou a quen se implicaron naquela acción. Fíxoo nas eleccións estatais e, segundo as sondaxes, volverá facelo tamén agora.
Conferencia de Aiete
photo_camera Conferencia de Aiete

O 17 de outubro de 2011, hai hoxe un ano, tivo lugar no Pazo de Aiete de Donostia a Conferencia Internacional para Promover a Resolución do Conflito en Euskal Herria. O encontro foi organizado por Lokarri, o Grupo Internacional de Contacto e as entidades Berghof Foundation (Alemaña), Conciliation Resources (Gran Bretaña), The Desmond and Leah Tutu Legacy Foundation (Sudáfrica) e Norsk Ressurssenter for Fredsbygging (Noruega).

O ex-secretario xeral da ONU Kofi Annan; o ex-xefe de gabinete de Tony Blair e negociador no proceso do Norte de Irlanda, Jonathan Powell; o dirixente e interlocutor de Sinn Féin Gerry Adams; o ex-primeiro ministro irlandés Bertie Ahern; a ex-primeira ministra norueguesa Gro Harlem Bruntland; e o ex-ministro francés Pierre Joxe, déronse cita en Donostia con representantes políticos, sindicais e sociais vascos. Faltaron PP e UPN, mais non todos os que acudiron fixérono con igual implicación.

Daquel encontro saíu unha importante resolución en que se pedía a ETA «o cesamento definitivo da actividade armada», á vez que invitaban «os gobernos de España e Francia a darlle a benvida e a aceptar iniciar conversacións para tratar exclusivamente as consecuencias do conflito». A Declaración de Aiete anima a dar pasos cara á reconciliación e o recoñecemento das vítimas e invita os representantes dos partidos ao diálogo sobre cuestións políticas e á consulta á cidadanía.

Tres días despois, ETA facía pública unha declaración en que outorga «gran transcendencia política» á Conferencia Internacional e asegura que a resolución saída de Aiete «reúne os ingredientes para unha solución integral do conflito». En consecuencia, e tras outras consideracións, anuncia o final definitivo da súa actividade armada.

Estar ao que hai que estar

A Conferencia Internacional de Aiete, como é lóxico, non tivo unha finalidade electoral, mais permitiu que a cidadanía observase quen participou e quen non daquela iniciativa, quen estaban traballando pola resolución do conflito e quen ou trataban de a obstaculizar ou se situaban como simples espectadores. E iso, logo, ten a súa translación nas urnas, entre outros factores, en forma de premio e castigo.

A celebración da Conferencia de Aiete foi posíbel grazas ao traballo que no ámbito internacional realizase durante anos a esquerda abertzale. O PNV, con Iñigo Urkullu á cabeza, realizou unha importante achega. O goberno do PSOE deixou facer e, segundo transcendeu despois, non estivo á altura dos compromisos adquiridos cos axentes internacionais. O PSE acudiu a Aiete, mais foi por teimosía do seu presidente, Jesús Eguiguren, quen anunciou ao seu partido que estaría presente quixesen ou non. Enviaron ao exalcalde de Ermua Carlos Totorika a acompañarlle, vixiarlle e contraprogramalo. Entre tanto, o lehendakari, Patxi López, estaba en Nova Iorque, nunha viaxe incomprensíbel para a maioría dos vascos. Desde o PP, Antonio Basagoiti non dubidou en se burlar dos asinantes da Declaración.

Ao mes, nas eleccións a Cortes españolas, o mapa electoral da CAV daba un xiro e por primeira vez neste tipo de comicios as forzas unionistas quedaban terceira e cuarta. O traballo activo pola paz e a normalización xa tivera premio nas eleccións municipais e forais meses antes, e a tendencia consolidábase tras a Declaración de Aiete.

Aínda hoxe, Patxi López sostén que a Conferencia non tivo que ver co fin da loita armada. Segundo as enquisas, non verá desde Ajuria Enea a disolución de ETA. O outro negacionista, o PP, será a cuarta forza no Parlamento de Gasteiz.

A visión cidadá do compromiso coa resolución do conflito non é indiferente nos resultados electorais. A esquerda abertzale sufriuno e gozouno en carne propia. [Propostas dos principais partidos sobre a resolución do conflito]

Condena ao Reino de España por non investigar as torturas

A véspera do aniversario da Declaración de Aiete, chegaba a condena por parte do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ao Reino de España por arquivar sen investigar suficientemente a denuncia por torturas presentada por Martxelo Otamendi, ex-director de Egunkaria, xornal clausurado pola Audiencia Nacional española en 2003.

A mesma operación contra «Egunkaria» deixou outros duros relatos de torturas. O propio Otamendi, nada máis saír de prisión, compareceu perante os medios ás portas do cárcere para informar de que a Xabier Alegria lle aplicaron a bolsa e que Joan Mari Torrealdai tamén fora sometido a malos tratos. Esta é a terceira sentenza europea contra España por torturas.

Comentarios