A liberdade de Iosu Uribetxeberria, unha cuestión política

O informe médico publicado esta quinta feira, redunda, máis unha vez, en que o cancro de Iosu Uribetxeberria é terminal e irreversíbel. Despois de seren informadas as autoridades xudiciais, o Ministerio Público pide un informe no que se determine se o preso podería ser tratado na cadea.
photo_camera A manifestación pola liberdade d@s pres@s enferm@s será o vindeiro sábado en Bilbo

Coma se fose unha partida de tiro de corda, o Estado español ténsaa, máis unha vez, e a fiscalía da Audiencia Nacional solicita un outro informe ao médico forense, sobre o estado de saúde de Uribertxeberria, o custo do tratamento médico e o prazo e emprazamento para ser tratado da súa doenza, preguntando se este podería ser asistido na cadea. Mentres, a situación de Iosu agrávase por mor de nove días sen inxerir alimento. "Quédalle pouco", aseguran desde Herrira. 

Ion Garai, membro da plataforma para a defensa dos dereitos d@s pres@s vasc@s, Herrira, asegurou en declaracións a Sermos Galiza que o cancro é "terminal e irreversíbel", polo que agardan a súa posta en liberdade canto antes mais recoñece, "o estado español leva tensando a corda máis de sete anos", desde que a Iosu lle foi diagnosticado o cancro, polo que non lles sorprendería que o goberno dilatase aínda máis no tempo esta situación.

Herrira mantén unha concentración permanente en fronte do hospital Donostia na que exixen a posta en liberdade de Iosu "non só por lei senón por humanidade". Garai asegura, que a resposta popular está sendo masiva tanto no hospital coma na rúa e nas cadeas españolas e francesas, "máis de 10.000 persoas estiveron na manifestación de Donostia e máis de 500 pres@s seguen en loita". Desde Herria salientan que o pobo vasco está a responder ante a agresión aos dereitos de Uribetxeberria e subliñan "a vaga de solidariedade fronte o desatino do estado español", unha resposta que aumenta e traspasa fronteiras día a día.

A grave situación do preso arrasatearra, é compartida por 13 pres@s máis, que padecen enfermidades graves. Herrira vén denunciando, asevera Ion, que "o trato en prisión non é o acaído nin é xusto" polo que reclaman a aplicación das leis españolas --concretamente do artigo 92 do Código Penal-- para que sexan post@s en liberdade condicional. "Iosu ten que estar na rúa e @s demais tamén", di. Garai, subliña, "só pedimos o cumprimento dos dereitos humanos para todas as persoas, tamén para @s pres@s", polo que convocan unha manifestación de urxencia o vindeiro sábado en Bilbo á fin de reclamaren que "o terríbel caso de Uribetxeberría, non se repita nunca máis".

"Só pido dignidade"

 Nunha mensaxe enviada aos diarios vascos Gara e Naiz, Uribetxeberria pide que "non se faga ningunha tolura, en ningún sitio", e chama á calma ao pobo vasco loubando os pasos dados até o de agora no proceso de paz. Así mesmo, Iosu, agradeceu a través da súa avogada --que o visitou esta mañá no hospital-- as mostras de apoio e solidariedade coa súa loita; asegurando que lle dá "moita forza". Iosu Uribetxeberria leva xa nove días en folga de fame para exixir ao goberno español que aplique as súas propias leis. 

Comentarios