A historiadora e escritora Laura Mintegi será a candidata de EH Bildu

Mintegi aposta por "poñer barreiras ao capitalismo salvaxe" e a traballar polo recoñecemento á autodeterminación de Euskal Herria

EH Bildu vén de presentar oficialmente a súa candidata á Lehendakaritza, Laura Mintegi, escritora, profesora e historiadora natural de Lizarra (Nafarroa). Segundo informa Naiz.info, Mintegi na súa intervención anunciou que o proxecto que impulsa a coalición abertzale e de esquerdas parte de dous eixos. O primeiro deles, construir unha paz que, para alén da ausencia de violencia, contemple "a xustiza, o respecto a todas as opinións, a tomar decisións e a executalas". Nesta liña, Mintegi considera que estase a xerar un "novo ciclo" no que EH Bildu aspira a construir "unha nova democracia" diferente da "seudo democracia actual que mantén a periodistas e políticos no cárcere por opinar".

O segundo eixo parte de considerar que é mester "poñer barreiras ao capitalismo salvaxe", facendo un chamamento a impulsar os valores da esquerda. Así, a candidata de EH Bildu afirma que esta coalición vai "gobernar para a cidadanía e non para os especuladores" para erguer un modelo que se basee na xustiza social.

Os inqúeritos e sondaxes realizados polo Euskobarómetro apuntan a que a formación da esquerda abertzale podería atinxir o 25% do apoio electoral nos vindeiros comicios autonómicos, tendo no herrialde de Gipuzkoa o seu maior bastión electoral.

Comentarios