15 anos do fechamento de Egin

Esta segunda feira cúmprense 15 anos da clausura do diario Egin e da emisora do mesmo grupo, Egin Irratia, por orde do xuíz Baltasar Gazón. Do sumario 18/98 que instruíu a causa contra o xornal sairía a idea da "contorna" e do "todo es ETA". Embora o Tribunal Supremo invalidase en 2009 o encerramento ao considerar que non se axustaba a dereito, 12 d@s xornalist@s e traballador@s de Egin continúan aínda en prisión

 

photo_camera Oficinas de Egin tapiadas por orde xudicial

Nunha entrevista concedida ao diario basco Naiz, o director de Egin, Jabier Salutregi --aínda na cadea-- lembra o día en que "200 policías armados até os dentes" entraban no xornal para proceder ao seu encerramento. Ironicamente a operación xudicial, instruída por Baltasar Garzón, levaba por nome "Operación persiana". Aquilo foi, en verbas de Salutregi, "unha incursión bélica" desenvolvida "con nocturnidade". 

Corría o ano 1998 e Egin constituía un proxecto xornalístico e popular. Fora o primeiro medio en publicar o borrador da Constitución española "en exclusiva" e "para sorpresa do Estado", brinca Salutregi. Mais tamén o primeiro "en sufrir un secuestro gobernamental", di, "por publicar un inocente Libro vermello do cole" no que promovían o uso do eskara como lingua vehicular no ensino.

Acusad@s de "recibir diñeiro de ETA, logo do contrario" --conta o seu director-- e finalmente de ser "un instrumento do aparello delictivo" da organización, axentes da policía española comandados por Baltasar Garzón prendían @s traballador@s deste medio de comunicación basco o 15 de xullo de 1998 e procedían ao seu "fechamento cautelar". Por aquel entón Egin  vendía 52.311 exemplares diarios (segundo a OJD), contaba con 210 traballador@s e máis de 24.000 persoas que apoiaron o nacemento do proxecto con achegas populares. 

En 2009, once anos despois do peche de Egin, o Tribunal Supremo invalidou a clausura ao considerar que non se axustaba a dereito

"Alguén pensaba que non nos iamos atrever?"
Para Jabier Salutregi, "non existe ningún precedente na UE" no que "toda a dirección" dun xornal "rematase na cadea, acusados de terrorismo e o propio medio" de ser "instrumento dunha banda armada". O propio Tribunal Supremo considerou once anos despois da clausura de Egin que a actividade do diario non era ilícita e que o proceder de Garzón non se axustaba a dereito. 

O presidente do Goberno español, naquela altura José María Aznar, dicía nunha visita a Turquía perante os medios de comunicación se "alguén pensaba que non nos iamos atrever?" e procuraba, continúa Salutregi, coa foto da clausura de Egin "visibilizar o 'todo es ETA' --alentado por Garzón-- mesturando o sólido co gasoso" a través da xeración dun "vínculo unitario delictivo" que atinxía a múltiples movementos sociais, organizacións e persoas individuais no que posteriormente se daría a coñecer como "a contorna" de ETA. 

O director de Egin lembra que "non existe ningún precedente na UE" no que un medio de comunicación fose clausurado acusado de terrorismo

O encerramento de Egin, considera Salutregi na entrevista concedida a Naiz, "serviu de apoio ao novo plan de guerra planificado polo Goberno de Aznar". Coa clausura deste medio, lembra o seu director, "abriuse a maior operación represiva contra a esquerda abertzale" a través dun procedemento de "enxeñaría xurídica" --como categorizou o ministro socialista López Aguilar-- encamiñado a "construír delitos" contra Xestoras Pro-Amnistía, herriko tabernas, o movemento xuvenil (Jarrai-Segi), fundacións, semanarios (Egunkaria), institucións lingüísticas... "todo aquilo que erguese o máis leve arrecendo abertzale", asegura, pasou a ser un obxectivo para o Estado e a xustiza española. 

Após 15 anos da súa clausura, 12 traballador@s do diario basco permanecen aínda na cadea. Moit@s superan xa os 70 anos de idade. 

Comentarios