"Sentímolo", di ETA polo dano causado

Militantes de ETA pediron desculpas desde París polo dano causado durante o conflito co Estado español a aquel@s cidadás e cidadáns vítimas de accións armadas e que, de acordo coa organización vasca, non tiñan responsabilidades no confronto


"Sentímolo". Foi a mensaxe que @s militantes de ETA xulgadas en París esta segunda feira lanzaron "ao corazón dos aparatos do Estado francés" a favor da solución do conflito.

Malia negárenlle toda lexitimidade ao tribunal que os enxuiza polo secuestro durante tres días dunha familia para lles roubaren a furgoneta coa que tencionaban perpetrar unha acción armada que finalmente non se levou a termo, o preso Garikoitz Aspiazu Rubina, 'Txeroki', deu leitura a unha declaración en nome da dirección da organización en que esta pediu perdón polo dano causado á cidadanía que se viu prexudicada pola acción de ETA aínda sen teren responsabilidade ningunha no conflito.

Así as cousas, tod@s @s pres@s xulgadas en París recoñeceron a súa pertenza a ETA e a súa responsabilidade nos actos que se lles imputan. A renglón seguido, Garikoitz Aspiazu recordou na súa intervención o valor da negociación como método para resolver os conflitos, tal e como o recoñeceron Durão Barroso e Van Rompuy ao recolleren o Nobel da Paz, e reprochou das autoridades españolas e francesas que desen por boas as súas palabras malia rexeitaren o diálogo como vía para achegar posturas en Euskal Herria.

"Loitamos durante moito tempo no campo de batalla; demasiado tempo, demasiado sufrimento", sinalou o preso, quen colocou riba da mesa o empeño de ETA por sentar a negociar subliñando que o alto o fogo de outubro de 2011 "non ten trampa ningunha" e que, "o que é máis importante", tal decisión responde á vontade da cidadanía vasca.

Na liña, a organización armada recoñece ter tomado decisións non desexadas á hora de se abastecer de medios. Foi nesta liña cando manifestaron o seu sentir polo dano causado á familia secuestrada para lles substraer a furgoneta, sentir que fixeron extensíbel a todas as persoas que se viron afectadas pola acción de ETA sen seren, de acordo coa organización vasca, responsábeis do conflito.

Comentarios