Euskal Herria está cada vez máis preto da autodeterminación


Laura Mintegui, candidata a lehendakari nas vindeiras eleccións nacionais vascas, encabeza o proxecto da coalición EH Bildu.
photo_camera Laura Mintegui, candidata a lehendakari por EH Bildu

No número 7 de Sermos Galiza, falamos con ela. Eis un petisco da entrevista. Bulide aos quiosques e mercade o voso semanario. 

Que alternativas propón EH Bildu no seu programa de goberno para superar a situación económica actual?
Nestes días estamos escoitando que a solución pasa por fortalecer as institucións que garanten o autogoberno, agarrarse ao concerto económico como unha lapa e conseguir un amplo consenso para manter o status quo até que pase a crise. Mais resulta que ese marco autonómico está superado, e iso ficou claro coas últimas medidas do PP.
É hora de conseguirmos as ferramentas para decidirmos a nosa economía e crearmos un novo modelo social e económico. Precisamos recursos, precisamos confianza e identidade.

Entre as vosas propostas está a creación dunha banca pública, de capital vasco e social. Como contribúe este proxecto na creación dunha Euskal Herria máis libre e xusta?
A agricultura, a industria e a banca son os eixos da economía dun país e sen o apoio financeiro os outros dous dificilmente poden saír adiante. Porén, máis que os bancos, son as caixas as que sosteñen a comunidade. En Alemaña hai 400 caixas unidas en 12 federacións que financian o 70% das PEMES dos Länders, que son a orixe da riqueza do país. Os bancos teñen o perigo de que, ao admitiren investimento estranxeiro, desvíen a súa riqueza fóra do territorio.

Comentarios