Yolanda Díaz afirma que a seguinte comunidade en ser rescatada será Galiza

No mitin en Ferrol realizado por AGE, a candidata Yolanda Diaz cargou contra a política laboral de Feijóo. Beiras, pola súa parte, considerou inadmisíbel “que 200 anos despois da Revolución francesa a igrexa non pague impostos”.
Yolanda Díaz e Beiras en Ferrol
photo_camera Yolanda Díaz e Beiras en Ferrol

AGE realizou a última hora da tarde desta cuarta feira o seu acto central na cidade de Ferrol. No mitin que tivo lugar no Teatro Jofre, participaron canda Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras, Bernardo Maiz, Suso Basterrechea, Xosé Manuel Pazo e Manolo Dios.

Yolanda Díaz, candidata número 2 de AGE, alertou de que “á luz das cifras” a seguinte comunidade en ser rescatada será Galiza. Segundo Díaz, a vontade de Feijóo “non pasa pola mellor das condicións sociais”, motivo que explicaría que “o paro medrase até nun 42%” durante a lexislatura que remata. A candidata insistiu na importancia das políticas de benestar, para o que máis unha vez apostou por unha reforma fiscal e a persecución da fraude.

Pola súa banda Xosé Manuel Beiras reprochou que algúns “fagan bandeira do patriotismo constitucional” cando despois “pisotean os seus principios”, como o do pleno emprego, a gratuidade da xustiza ou un sistema impositivo progresivo. 

Logo de afirmar que o “réxime político da fraude da transición está roto” Beiras asegurou que “o problema é sistémico”. Por último o cabeza de lista de AGE por A Coruña, considerou inadmisíbel “que 200 anos despois da Revolución francesa a igrexa non pague impostos”.

Crítica aos debates electorais

Asemade desde Alternativa Galega de Esquerda, a través dun comunicado, amosaron a súa disconformidade co formato de debates electorais entre as tres forzas políticas con representación parlamentar. "AGE considera os debates entre PP, PSOE E BNG como unha escenificación baleira que non achegará ningún criterio de valor para a cidadanía" reza o comunicado.

Comentarios