As políticas concretas de Jorquera sobresaen fronte ao retrouso de Pachi Vázquez

O segundo debate electoral enfrontou os candidatos do PSdeG e do BNG. Pachi Vázquez procurou a complicidade dun Jorquera que o acusou en diversas ocasións de representar unha forza política cómplice das reformas e recortes.
Francisco Jorquera, candidato á Xunta polo BNG
photo_camera Francisco Jorquera, candidato á Xunta polo BNG

Ao igual que na anterior ocasión, o debate estivo centrado en tres grandes bloques temáticos, economía e emprego; benestar e servizos sociais e autogoberno. Iniciou a quenda de intervencións o candidato polo PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez que adiantou antes de comezar, que non pretendía debater, senón, máis ben, confrontar opinións co nacionalista Francisco Jorquera. Dito e feito, Vázquez rexeitou ao longo do debate responder as acusacións lanzadas polo candidato do BNG, e limitouse a describir a xestión do goberno de Feijóo nestes tres anos e medio de lexislatura, acusándoo mesmo de mentir no déficit --unha das bazas electorais do candidato popular-- valéndose do informe feito público esta terza polo Consello de Contas.

Na súa intervención inicial --que precedía o comezo dos bloques temáticos-- Jorquera Caselas, amosou a súa "satisfacción pola celebración dos debates" e aproveitou para presentar a primeira das propostas nacionalistas, a reforma da lei electoral co obxectivo de que a confrontación dos programas de goberno entre as distintas forzas políticas se desenvolva por imperativo legal.

Vázquez rexeitou ao longo do debate responder as acusacións lanzadas polo candidado do BNG

  • Economía e emprego

Sen dúbida foi este bloque o que marcou o debate electoral entre BNG e PSdeG. Os candidatos amosaron algunhas das liñas económicas que compoñen o seu programa electoral, porén prevaleceron as propostas concretas do nacionalista, fronte ao retrouso de grandes enunciados defendido por Vázquez.
O candidato polo PSdeG-PSOE recuncou nas mentiras de Feijóo e asegurou que a súa proposta para saír da crise pasaba por “entrar de fronte ao paro” para o que propuxo unha reforma fiscal.

Francisco Jorquera, non tardou en responder ao candidato socialista lembrándolle a reforma financeira aprobada polos gobernos do PSOE con que se entregou cantidades inxentes de “fondos públicos á banca privada” e fixo fincapé na necesidade dun "cambio de rumbo nas políticas económicas" que permitan reactivar a economía. Joquera propuxo a creación dun banco público galego –cuxo custo non sería superior “á creación dunha autovía interior”, dixo-- encamiñado a financiar os sectores produtivos de Galiza. Pola súa banda, Pachi Vázquez, obviou a acusación e desviou a interpelación asegurando estar de acordó coa necesidade “dun outro modelo de financiamento” que os socialistas din, pasa pola creación dun Instituto Galego de Crédito e Finanzas, algo que lle foi retrucado polo candidato do BNG ao lle lembrar a proposta de creación da banca pública que foi levada ao Parlamento e desbotada pola súa forza política. Aliás, o cabeza de lista da organización frontista asegurou que un modelo de financiamento propio para Galiza exixía dun maior autogoberno que faga, dixo, “política ao servizo de sectores produtivos como o lácteo ou o pesqueiro e poña Galiza a producir”.

Jorquera: "Galiza precisa dun modelo de financiamento propio que poña Galiza a producir"

Na quenda final do primeiro bloque temático, o candidato socialista puxo enriba da mesa --máis unha vez-- a xestión de Núñez Feijóo, da cal asegurou “é veleno para a nosa economía” e fixou como o seu obxectivo fundamental a xeración de emprego. Francisco Jorquera reiterou a súa aposta “por un cambio de rumbo” e por “facer fronte aos recortes” levados a cabo desde Madrid. O candidato nacionalista lembrou a reforma exprés da Constitución española aprobada polo PP e PSOE e acusou os socialistas de seren cómplices dunha política de recortes que puxo a economía ao servizo do capital.

  • Benestar e servizos sociais

A cuestión económica continuou sendo a idea forte do debate após un pequeno descanso ao remate das primeiras intervencións. No bloque de benestar e servizos sociais, o candidato do BNG recuncou na necesidade dun modelo de financiamento propio para Galiza que permita “defender e afortalar os servizos públicos e as políticas sociais”.
“Non podo estar máis de acordo”, aseguraba na súa intervención Pachi Vázquez, quen se afanaba por atopar puntos de encontro coas propostas do BNG, porén, cando Francisco Jorquera asegurou que loitaría por un “concerto económico para Galiza” que rache coa dependencia en materia de financiamento e permita “os servizos públicos e as políticas sociais”, o socialista recuaba e facía énfase en que defendería mellores condicións de acordo co marco competencial estabelecido pola Constitución española. O candidato nacionalista aproveitou as palabras de Vázquez para lle retrucar que a Carta magna pode “ser reformada non só cando desexe Merkel”, apelando de novo á modificación do artigo 315 introducida polo goberno español daquela en mans do PSOE.

  • Autogoberno

No último dos temas acordados para o debate situábase o autogoberno. O BNG amosouse a prol da soberanía nacional para Galiza como necesidade fundamental para “decidir sobre os seus asuntos en réxime de igualdade e cooperación” cos demais territorios. Aliás, Francisco Jorquera asegurou que “sen autogoberno non hai democracia” para o que puxo de exemplo a cesión de competencias ás institucións europeas, en que dixo “Galiza debe ter representación directa nos asuntos que lle afectan”.

Vázquez condicionou a soberanía de Galiza ao marco competencial atribuído pola Constitución española 

Pola súa banda o candidato do PSdeG-PSOE acusou de novo a Feijóo de “minguar a capacidade de decisión de Galiza” e asegurou pular por un bo status para Galiza fronte á reforma do Estado de autonomías, porén, asegurou que calquera modificación competencial que outorgase maiores cotas de autogoberno exixía dunha reforma constitucional que debería ser aprobada por todas as forzas políticas españolas, “dentro da Constitución todo”, aseverou Pachi Vázquez. No entanto, Jorquera defendeu o esgotamento do actual marco político-xurídico, comprometéndose a pular por un “estatus diferente” para Galiza.
O debate concluíu cun chamamento ao apoio o vindeiro 21-O por ambos os dous candidatos nunha confrontación de propostas en que salientaron as reiteracións do carballiñés, Pachi Vázquez, con que converteu o segundo dos debates electorais, nunha ‘secuela’ do anterior.